Neste momento estás a ver O BNG vincula o lema da campaña electoral, “O mellor para Carballo”, cos produtos locais, a infancia e o medio ambiente

O BNG vincula o lema da campaña electoral, “O mellor para Carballo”, cos produtos locais, a infancia e o medio ambiente

O BNG preséntase a estas eleccións co lema O mellor para Carballo. Podes velo en bandeirolas, carteis e outros soportes publicitarios, ou tamén na portada do boletín O Anllóns, que no seu número 43 recolle un balance do traballo desenvolvido ao longo dos últimos catro anos para seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir. Pero ademais vinculamos o noso lema con algúns dos aspectos que consideramos claves para o futuro e que constitúen, ao mesmo tempo, os piares do noso programa electoral: a promoción da empresa e dos produtos locais, o compromiso co desenvolvemento sostible e a necesidade de crear as condicións necesarias para que os nenos e as nenas poidan herdar un Carballo mellor.

Para achegar ese compromiso de futuro á cidadanía, ademais de plasmalo no programa, queremos simbolizalo a través dunha serie de accións que se puxeron en marcha este domingo, coincidindo coa feira. En só unha hora repartimos cincocentos moletiños de pan de Carballo xunto con outros tantos exemplares do boletín O Anllóns, como símbolo do compromiso do BNG coa promoción dun produto carballés tan representativo como o pan, coa empresa local e co consumo responsable. E non será o único, porque temos moitos produtos e moitas persoas emprendedoras das que presumir, coma o Mago Álex, que nos acompañará para celebrar o Día das Letras Galegas no encontro coa veciñanza que celebraremos o día 17 ás 20.30 horas en Cances.

O noso compromiso co desenvolvemento sostible tamén se exemplificará nesta campaña noutras accións simbólicas. Por primeira vez, os convites para o mitin central do martes 16 imprimímolos en papel de sementes, polo que en lugar de tiralos haberá que depositalos nun recipiente con auga e agardar a que xerminen. Ademais, o xoves 18 volveremos a estar na feira e compartiremos coa cidadanía outro símbolo do mellor para Carballo, pequenas plantas de temporada que entregaremos en macetas de olería realizadas pola artesá carballesa Marilá Gómez.

E como o futuro de Carballo son os nenos e as nenas, nesta campaña electoral queremos simbolizar que, aínda que non votan, para o BNG tamén contan, e por iso este domingo xa repartimos centos de pompeiros entre a rapazada para encher o ceo carballés de ilusión con forma de pompas de xabón. Ilusión como a que representa cada bebé que nace no noso pobo, e que, como a pequena Sarela, protagonista da contraportada do boletín O Anllóns e de varios soportes publicitarios, poden levar escrito nos seus babeiros que son O mellor para Carballo.