O BNG está a traballar dende o Concello de Carballo nunha transición enerxética que, ademais de segura, sexa xusta e inclusivo. Por iso apostamos por poñer en marcha a primeira comunidade enerxética local como instrumento idóneo para responder aos retos do cambio climático, á vez que se desenvolve un modelo de empresa de economía social con participación directa da cidadanía. A comunidade enerxética local será unha ferramenta contra o cambio climático que nos permitirá, ao mesmo tempo, mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións públicos.
Que son as comunidades enerxéticas locais?
As comunidades enerxéticas locais son entidades xurídicas, formadas por unha agrupación de socios (como persoas físicas, asociacións, pemes, administracións públicas…) que, voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, ambientais e económicos, para os membros da comunidade.
Para o BNG de Carballo, a creación dunha comunidade enerxética supón un compromiso coa sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén xera unha oportunidade para mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e instalacións municipais dentro da comunidade enerxética.
Para que serve unha comunidade enerxética local?
Unha comunidade enerxética facilita que un grupo de persoas poidan beneficiarse conxuntamente das mesmas instalacións locais de xeración eléctrica ou térmica. Esta unión non só supón un mellor aproveitamento da devandita xeración, senón que tamén achega beneficios ambientais e sociais, como a mellora da eficiencia enerxética ou o desenvolvemento de sistemas de mobilidade sostible.
As comunidades enerxéticas poden incluír a veciños e veciñas, empresas e administracións públicas. Nacen como un modelo de participación cidadá no sistema enerxético e a súa función principal é xerar enerxía renovable a través de plantas de xeración colectivas para un autoconsumo compartido. Estas comunidades poden levar a cabo múltiples actividades como producir, consumir, almacenar ou compartir enerxía.
Un exemplo deste tipo de actividades nas que se poden basear, son o autoconsumo ou a xeración distribuída, que supoñen un factor importante para o aforro económico de moitas familias, especialmente para as máis vulnerables, podendo desta forma facer fronte á pobreza enerxética. Ademais, evítase a dependencia sobre as compañías eléctricas convencionais e auméntase a competitividade na industria.
Cales son as principais características da comunidade enerxética?
- Preocupación pola comunidade, xa que o seu obxectivo é ofrecer beneficios económicos, sociais e ambientais aos seus membros ou á área municipal, e non ter finalidade lucrativa.
- Participación aberta e voluntaria. A afiliación está aberta a todas as persoas que, como usuarias finais dos servizos que se prestan, están dispostas a aceptar as responsabilidades de pertencer á comunidade enerxética.
- Gobernanza democrática: unha persoa, un voto.
- Autonomía e independencia, posto que o control recae nos membros que participan como usuarios finais.
Que compromiso adquire o BNG?
O noso compromiso é facilitar a creación da comunidade enerxética local, achegar aqueles edificios que sexan aptos para a instalación de enerxías renovables e ser o axente de difusión e concienciación da veciñanza de Carballo.