Os Orzamentos do Concello de Carballo para o ano 2016, que ascenden a 24.409.648,78 euros, e o Plan de Obras e Servizos (POS), que supera os 800.000 euros, serán os principais asuntos de debate no pleno ordinario que celebraremos o luns 30. Pero o grupo municipal do BNG tamén presentará e defenderá unha Moción de apoio á proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética.
A proposta, que responde a unha solicitude presentada pola CIG, baséase en que Galiza resulta prexudicada pola tarifa única, xa que non ten en conta o seu papel de territorio xerador de electricidade e subministrador Estado español. Pero non só se trata de que Galiza produce e España consume, senón de que os galegos e as galegas temos que pagar as mesmas tarifas malia que os nosos salarios e pensións son dos máis baixos do Estado español.