Visita de Evencio Ferrero ás obras do Chorís o mes pasado |
O compromiso do goberno municipal do BNG cos barrios é unha realidade. Nestes momentos está en fase de execución o proxecto de reurbanización integral do Chorís, que supón un investimento de 466.000 euros para acondicionar as beirarrúas, renovar as redes de saneamento e abastecemento de auga, gas e rede eléctrica, regular os aparcadoiros, crear unha nova zona de estacionamento, ordenar o tráfico cunha rotonda, humanizar o espazo con árbores e crear unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho que rodeará toda a mazá e que facilitará o paseo e mesmo a práctica deportiva. Pero a intervención do Concello de Carballo no barrio do Chorís non vai quedar aí. Dentro do PAI complementario, o vindeiro ano 2016 investiranse outros 122.184,90 euros nas rúas Vila de Corcubión e Vila de Noia, completando así a reurbanización dun amplo espazo urbano utilizado a diario por milleiros de persoas entre residentes, usuari@s das instalacións deportivas e alumn@s dos centros escolares.
O BNG segue a cumprir cos seus compromisos electorais.
Evencio Ferrero e o concelleiro Marcos Trigo, na praza de San Cristovo, con usuarios da pista deportiva |
O pasado 11 de maio o alcalde, Evencio Ferrero, anunciaba na Brea que a humanización dos barrios sería un obxectivo estratéxico para este mandato mandato, “sempre adaptándonos ás circunstancias e ás necesidades de cada un deles: mellorando a accesibilidade, creando plataformas únicas, ampliando as beirarrúas, creando espazos axardinados ou novas áreas de aparcamento”. E outro dos barrios que vai recibir un importante impulso será o das Flores ou San Cristovo. Por unha banda, o goberno municipal do BNG e o goberno provincial están a traballar para sacar a licitación o antes posible o proxecto de reforma integral da avenida das Flores, que xa fora adxudicado no seu momento pero non chegou a executarse. Por outro lado, dentro do Plan de Acción Social (PAS) que se executará o vindeiro ano tamén se outorga especial importancia ao barrio das Flores cun amplo proxecto de mellora da accesibilidade que implicará a adecuación de distintas rúas, beirarrúas e espazos públicos cun investimento de 261.057,35 euros.
Do mesmo xeito que o goberno do BNG decidiu destinar o importe íntegro do POS á mellora da rede viaria na zona rural, o criterio foi centrar nos barrios boa parte dos proxectos do PAS. Ademais do San Cristovo, na proposta do equipo de goberno figura a eliminación de barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, no barrio da Braña. Trátase dunha das rúas singulares de Carballo polo tipo de edificación que se conserva, pero as beirarrúas son demasiado estreitas e dende hai varias décadas non se realiza ningunha mellora na vía. Esa eiva quedará superada o vindeiro ano, e dende o goberno municipal existe a vontade de seguir mellorando, na medida das posibilidades, os espazos públicos do barrio da Braña.
O goberno do BNG de Carballo quixo ter moi en conta o carácter social do novo plan da Deputación da Coruña á hora de elaborar os proxectos. Deste xeito, á parte das obras de humanización previstas no San Cristovo e na Braña tamén se acometerán melloras en dúas instalacións municipais de uso masivo: o Pazo da Cultura e o complexo deportivo das Eiroas. No primeiro caso o obxectivo é solucionar o importante problema de accesibilidade que ten o edificio, polo que pasan a diario milleiros de usuari@s das oficinas de Educación e Cultura, Conservatorio Profesional de Música, Escola Oficial de Idiomas, salas sociais para os maiores, aulas de ensaio, salas de exposicións… No segundo caso, o goberno cumpre con outro dos seus compromisos coa substitución do céspede do campo principal das Eiroas, polo que pasan cada semana máis de mil deportistas de todas as idades.