Evencio Ferrero, alcalde de Carballo |
Os concellos galegos van estar mellor representados ca nunca con Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, como vicepresidente segundo da Federación Galega de Municipios e Provincias. O BNG disporá de dous asentos na comisión executiva da Fegamp. O PSOE terá nove, así coma a presidencia e vicepresidencia executiva; o PP, cinco e a vicepresidencia primeira, e as mareas, un.
A composición da executiva quedou aprobada este venres na asemblea da Fegamp, á que asistiu Milagros Lantes en representación do goberno de Carballo. A concelleira foi a encargada de defender unha serie de emendas do BNG (pincha se queres coñecelas ao detalle).
Con respecto ao novo modelo de financiamento local, dende o BNG propoñemos incrementar a autonomía e a capacidade financeira dos concellos mediante medidas coma a derrogación da lexislación estatal en materia de estabilidade orzamentaria, eliminando os ríxidos límites en materia de gasto público, endebedamento e contratación de persoal, e permitindo manter aos concellos un axeitado nivel de investimento público e gasto social que atenda as necesidades dos veciños e veciñas.”
En relación coa racionalización da organización territorial local, Milagros Lantes avogou polo progresivo baleirado das deputacións, “limitando as súas funcións a un mínimo competencial básico de cooperación xurídica e técnica dos concellos e impulsando a maior transferencia de recursos económicos posíbeis directamente aos concellos” e avanzando na transferencia á Xunta daqueles servizos provinciais que deben ser de titularidade da Administración galega. O BNG defende o ámbito comarcal como referencia para a cooperación intermunicipal na prestación e xestión de servizos públicos locais.
No relatorio sobre transparencia, servizos e modernización, a concelleira defendeu modelos alternativos ás grandes superficies comerciais e un maior desenvolvemento da tramitación electrónica.