O compromiso do BNG coas parroquias vai dar un paso de xigante neste mandato, xa que o Concello de Carballo acometerá un plan plurianual que permitirá deixar a rede viaria secundaria das 18 parroquias en condicións óptimas para moito tempo.

  • Cal é a situación da rede viaria do concello?

En Carballo hai 613 quilómetros de pistas asfaltadas de titularidade municipal. Despois dun minucioso percorrido por todas e cada unha delas, os técnicos conclúen que hai 85 quilómetros -repartidos entre as 18 parroquias- en mal estado.

  • Canto custará o arranxo de todas as pistas do concello?

Segundo o informe encargado polo goberno municipal de Carballo, para arranxar toda a rede viaria secundaria serán precisos dous millóns de euros, “pero como estamos a falar dunha cifra inasumible nun só ano, faremos unha actuación plurianual”, explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

  • Canto se investirá no ano 2016?

O goberno municipal do BNG tomou a decisión de destinar ás pistas o importe íntegro do Plan de Obras e Servizos, que para o ano que vén é duns 800.000 euros. Pero tamén se investirá na rede viaria o POS dos anos seguintes, ata cubrir todo o territorio.

  • Que criterio se utilizará para decidir as obras?

Dado que os fondos do POS permitirán afrontar a mellora de toda a rede viaria nun prazo máximo de tres anos, dende o goberno municipal optouse, a proposta do concelleiro de Obras e Servizos, por dividir o territorio en tres grandes zonas e intervir cada ano nunha delas. Deste xeito, nas parroquias nas que se actúe a rede viaria quedará en estado óptimo na súa totalidade e para moitos anos.

  • Que tipo de intervención se fará nas vías?

As vías están clasificadas segundo o seu estado entre as que non precisan intervención de ningún tipo porque están en boas condicións, as que requiren dun bacheo e eses 85 quilómetros nos que se realizará unha limpeza de cunetas e a pavimentación con dobre rego. Desta maneira, explicou Luis Lamas, “quedarán listas para oito ou dez anos”. Os proxectos son redactados pola Oficina Técnica Municipal.

  • Que plans ten o goberno para as parroquias que non figuran na primeira anualidade?

O feito de que as obras do POS se concentren nun ámbito xeográfico eterminado non significa que a Concellería de Obras e Servizos non vaia actuar no resto do territorio, no que, ademais do mantemento habitual, tamén se acometerán obras de envergadura. Proba dilo é que a semana pasada, sen ir máis lonxe, asináronse os contratos para as obras de sobreancho e reparación de varios camiños nas parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus por un importe de máis de 200.000 euros.