O grupo municipal do BNG en Carballo levará ao vindeiro pleno unha moción para reclamar á Xunta a revisión profunda das actuacións realizadas na mina de Monte Neme e a posta en marcha dun plan de restauración ambiental verdadeiramente integral que priorice a seguridade da veciñanza.
A iniciativa chega despois do rebentón dunha das balsas o pasado 31 de xaneiro, nun episodio moi semellante ao ocorrido en 2014, que volveu afectar á contorna de Aviño e Razo da Costa. Afortunadamente non houbo danos persoais, mais o BNG considera que o sucedido demostra que o risco segue existindo.
Para o voceiro municipal, Xosé Regueira, o novo accidente evidencia falta de supervisión e atrasos inxustificados por parte da administración autonómica. O grupo nacionalista lembra que, malia anunciarse un plan de rexeneración en 2022, as obras iniciadas a finais de 2025 non impediron que a situación se repetise.
Na moción, que podes descargar máis abaixo, desde o BNG pedimos que se actualice o plan cun enfoque global, aprobar de inmediato un plan de emerxencias mentres duren os traballos e garantir o financiamento necesario para asegurar a estabilidade e a recuperación ambiental do espazo.
