O BNG pon en marcha en Carballo unha campaña para reclamar a gratuidade da AG-55, unha vía fundamental para a mobilidade diaria de milleiros de veciñas e veciños de Bergantiños e da Costa da Morte.
A portavoz nacional, Ana Pontón, que participou no acto de presentación da iniciativa xunto ao alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e outros cargos institucionais dos concellos da zona, destacou que “estamos ante unha reivindicación de xustiza para unha comarca que leva décadas pagando por unha infraestrutura que se prometera gratuíta”.
A AG-55 continúa sendo un agravio para o territorio, especialmente despois de que a Xunta destinase 300 millóns de euros ao rescate doutras autoestradas, deixando fóra esta vía clave para máis de 100.000 persoas.
Unha carga diaria para a veciñanza
O alcalde de Carballo puxo o foco no impacto real das peaxes no día a día: “Estamos falando dun sobrecusto continuo para familias, traballadores, autónomos e empresas que teñen que usar a AG-55 para ir traballar, estudar ou acceder a servizos básicos como o hospital”, sinalou.
Pérez insistiu en que esta situación supón un freo para o desenvolvemento da comarca: “As peaxes non só penalizan os petos da xente, tamén lastran a mobilidade, a conectividade e a competitividade do noso tecido económico”.
Debemos lembrar que foi o Partido Popular quen transformou unha autovía que ía ser gratuíta nunha autoestrada de pago, unha decisión que, 20 anos despois, segue tendo consecuencias directas para a comarca.
Ademais, desde o BNG criticamos o trato discriminatorio por parte da Xunta ao non incluír a AG-55 no paquete de rescate doutras autoestradas no ano 2024.
A situación agrávase, segundo denuncia o Daniel Pérez, polo estado da infraestrutura: “A veciñanza non só paga, senón que ademais ten que soportar unha estrada con importantes deficiencias de seguridade e mantemento, algo que coñecemos ben quen a usamos a diario, especialmente no inverno”.
“Carballo e a comarca merecen máis”
A campaña do BNG prolongarase nos vindeiros meses con iniciativas institucionais, tanto nos concellos da zona coma no Parlamento de Galiza, co obxectivo de lograr a eliminación das peaxes.
“A veciñanza de Carballo, de Bergantiños e da Costa da Morte non merece este maltrato. O que merece é unha AG-55 segura e libre de peaxes”, concluíu Daniel Pérez.
