Neste momento estás a ver A Consellería do Medio Rural exclúe aos concellos da resolución do problema da avespa velutina

A Consellería do Medio Rural exclúe aos concellos da resolución do problema da avespa velutina

A Consellería do Medio Rural fixou para o día 21 unha xuntanza con distintas asociacións apícolas para abordar o problema da avespa velutina, unha reunión á que, porén, non foron convocados nin representantes dos concellos nin doutras entidades que subscribimos xunto con AGA un listado de propostas de actuación inmediata para controlar a praga. No concello de Carballo xa foron retirados 8 niños e hai 2 pendentes.

Xornada sobre a avespa velutina celebrada en Carballo

Nunha carta remitida a Medio Rural o 8 de outubro, solicitamos a través de AGA manter un encontro coa Xunta no que estivesen representados o sector apícola, os concellos e outros colectivos afectados. A consellería fixou ese encontro para a tarde deste mércores, aínda que deixando fóra a representación municipal e doutros sectores, como o fructícola, que tamén padecen os efectos da avespa asiática.

Tal e como consta nas comunicacións dos últimos días, Medio Rural trasladoulle á AGA a data e a hora da reunión solicitándolle que esta entidade enviase a relación de asistentes. A asociación remitiu os nomes do seu secretario técnico, Xesús Asorey, e dos responsables de cinco delegacións, ademais dos de representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo (asistiu o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas), As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño. Canda eles tamén se incluiu a representación da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Un listado que tivo por resposta un escueto correo da Xunta no que se remarcaba que á reunión -á que si están chamadas entidades apícolas do país- só poderían asistir dúas persoas da AGA, tal e como se confirmou xusto antes do seu inicio.

Desde a plataforma cualificamos este xesto como un mal comezo para a busca dunha solución efectiva e consensuada con todos os actores implicados na loita contra a velutina.

Malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas. A praga alcanzou xa tal dimensión que a Xunta se ve desbordada para porlle freo sequera.

Por iso, todos e todas nós -concellos, AGA, sector forestal e agrícola- mostramos nas últimas semanas vontade de axudar achegando ideas e propostas que se condensaron nun programa de actuación que avoga pola colaboración, a investigación e a coordinación efectiva de todos os recursos dispoñibles. Cuestións de sentido común que queremos que se teñan en conta, posto que quen hoxe acudimos a Santiago e non puidemos participar na xuntanza con Medio Rural vivimos o problema todos os días e acumulamos unha experiencia que debe terse en conta

Malia tendermos a man e expresarmos o noso compromiso con esta loita, interpretamos o xesto desta tarde como un portazo nos fuciños que obvia á mantenta a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendente e cunha necesidade de solución tan urxente.

Con todo, confiamos en que Medio Rural reconsidere a a súa postura e que nos reciba nas condicións en que llo tiñamos solicitado, sen exclusións de ningún tipo e sumando ao encontro a cantas institucións e/ou organizacións considere oportuno para facer achegas proveitosas coas que poder atallar esta invasión que, de non actuar de inmediato, se converterá nun problema de seguridade cidadá e non só ambiental.