Neste momento estás a ver O goberno do BNG de Carballo prima a seguridade cun plan de mellora dos 42 parques infantís do municipio

O goberno do BNG de Carballo prima a seguridade cun plan de mellora dos 42 parques infantís do municipio

Luis Lamas, no parque da Praza do Concello, o primeiro que se arranxará

Para o goberno do BNG de Carballo é prioritaria a seguridade dos nosos pequenos e pequenas, e por iso encargou a unha empresa certificada en inspección e calidade de áreas de xogo un informe sobre os 42 parques infantís existentes no municipio. O documento é tan detallado que inclúe unha ficha de cada xogo coa súa denominación, fabricante e ano, a súa situación e as medidas propostas, que van dende a instalación dun simple cartel informativo ou a substitución dun parafuso ata o reemprazamento ou a retirada de xogos. Sexan máis ou menos importantes, o goberno municipal asume todas e cada unha das indicacións dos técnicos especialistas e destina un total de 95.095 de fondos propios do Concello de Carballo a levalas a cabo. Posteriormente encargarase outro informe de verificación de que todos os xogos e parques están en óptimas condicións.

Das 42 áreas de xogos existentes no municipio de Carballo, durante os gobernos do BNG foron construídas 14, cinco delas no casco urbano e nove nas parroquias. Dende a Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luis Lamas actuouse, así mesmo, na práctica totalidade dos parques, con proxectos tan amplos coma os acometidos nos parques da Praza do Concello ou do Anllóns, a substitución de xogos na maioría dos espazos infantís ou a reparación noutros casos, sempre cos criterios de garantir a seguridade dos usuarios e usuarias e de estender os servizos públicos a todo o territorio. En xeral o estado dos parques é bo ou moi bo.

O goberno do BNG tamén puxo en marcha os tres parques biosaudables da praza das Camelias, o paseo do Anllóns e o Rego da Balsa. Nos dous primeiros non é necesario acometer ningunha mellora, mentres que no último será preciso proceder á reparación, limpeza e axuste dos aparatos existentes e á instalación dun cartel informativo segundo a normativa. A actuación está incluída tamen dentro do contrato que asinou hoxe venres o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, coa empresa adxudicataria, Jardinería Arce SL, que empezará os traballos nos parques antes de que remate o mes de outubro. O primeiro será o da Praza do Concello.