Neste momento estás a ver Evencio Ferrero: “A Xunta fai caixa con Carballo”

Evencio Ferrero: “A Xunta fai caixa con Carballo”

O Goberno da Xunta de Galicia volve a demostrar a súa falta absoluta de compromiso con Carballo e cos habitantes do principal núcleo de poboación de toda a Costa da Morte. Un ano máis, o concello cabeceira da comarca de Bergantiños está desaparecido dos Orzamentos, nos que non figura ningún investimento directo nin, por suposto, ningún dos proxectos pendentes dende hai anos, coma a circunvalación ou a urbanización dos tramos da travesía da AC-552 que se corresponden coas avenidas de Bértoa e Fisterra, ou que mesmo chegaron a ter consignación orzamentaria e foron retirados polo PP, coma o abastecemento de auga á zona de Baldaio.

A única referencia expresa a Carballo nos Orzamentos de investimentos para o 2016 correspóndese con 78.998,28 euros que consigna Xestur para o polígono industrial. Mentres, a Xunta prevé recadar 2.132.901,84 euros o ano que vén pola venda de parcelas nese mesmo polígono, que, segundo se desprende da memoria da empresa pública, será o que acade maior desenvolvemento de toda Galicia, unha mostra máis do dinamismo de Carballo. O paradoxo é que o concello no que o Goberno do PP prevé o maior desenvolvemento industrial non recibirá nin un só euro para infraestruturas ou servizos que, coma no caso da circunvalación, calquera persoa con sentido común entendería que son fundamentais.

“A Xunta fai caixa con Carballo”, critica o alcalde, Evencio Ferrero. Mais aló dos investimentos obrigados na Unidade Asistencial de Drogodependencias, que presta servizo a usuarios e usuarias de toda a Costa da Morte, ou no Plan de Transporte Metropolitano, a Administración galega recadará dous millóns pola venda de parcelas no polígono de Bértoa dos que non recibiremos nin a “lexítima”, denuncia o rexedor nacionalista.