Neste momento estás a ver O BNG volve reclamar no Parlamento de Galiza o aumento das frecuencias do transporte público entre Carballo e A Coruña

O BNG volve reclamar no Parlamento de Galiza o aumento das frecuencias do transporte público entre Carballo e A Coruña

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados Oscar Insua Lema, Mercedes Queixas Zas, Iria Taibo Corsanego e Paulo Ríos Santomé, vén de presentar unha Proposición non de lei para debate na Comisión 2a do Parlamento de Galiza, sobre a discriminación aos usuarios no transporte público entre Carballo e A Coruña.

Non hai moito tempo que o BNG presentou unha iniciativa na que se lle trasladaba ao goberno da Xunta a existencia dunha problemática recorrente na liña de transporte netropolitano entre Carballo e A Coruña, operada por Arriva, e empregada por centos de persoas usuarias que se desprazan diariamente por motivos laborais, de estudos ou médicos, entre moitos outros, e polo tanto suxeitos a horarios concretos de chegada e saída. Coa Iniciativa pretendíase esixir a empresa concesionaria o reforzo inmediato da liña directa Carballo-A Coruña, requirirlle que establecera un sistema operativo que garantise o respecto da orde de chegada nos embarques nas estacións e que nos trasladase, de existir, o protocolo actual de prioridade de acceso.

Cando se debateu o 30 de setembro na Comisión segunda o deputado do PP defendera a xestión e o modelo implantado pola Xunta de Galiza, gabándose de que o servizo crecera nos últimos anos e afirmando que estaba garantida a mobilidade laboral. Dicía que a denuncia do BNG era unha esaxeración e que podía ser unha mera incidencia, mais aseguraba que “non está permitido establecer prioridades segundo o
destino” avanzando que a Xunta ía manter conversas coa empresa concesionaria para corrixir ese tipo de situacións.

O deputado nacionalista de Bergantiños e Costa da Morte, Óscar Insua, reuniuse coas responsables do BNG de Carballo, Inés Rodríguez, e de Galiza Nova Bergantiños, Carolina Castiñeira, así coma con outros membros de ámbalas organizacións, para dar conta da nova iniciativa parlamentaria que vén de presentar o BNG en relación co transporte público.No momento de realizar a fotografía, na parada da rúa Perú, eran as 11.45 h. As persoas que se ven sentadas na marquesiña levaban agardando desde as 11.00 por un autobús que, supostamente, debería pasar ás 11.18 h por esa parada, pero aínda non aparecera.
O deputado nacionalista de Bergantiños e Costa da Morte, Óscar Insua, reuniuse coas responsables do BNG de Carballo, Inés Rodríguez, e de Galiza Nova Bergantiños, Carolina Pacoret, así coma con outros membros de ámbalas organizacións, para dar conta da nova iniciativa parlamentaria que vén de presentar o BNG en relación co transporte público.

O certo é que os veciños e veciñas da comarca de Bergantiños seguen preocupados co funcionamento deste servizo público, e atópanse con dous contratempos na estación de autobuses de Carballo e da Coruña. Cando queren desprazarse de Carballo á Coruña, o autobús dispón de moi poucas prazas, porque estas están ocupadas por outros usuarios que proveñen da costa da Morte, xa que este é o mesmo que provén
de Fisterra e Cee, e teñen que esperar á seguinte viaxe, que moitas das veces non é directa son traxectos dunha duración de casi o dobre de tempo. E cando queren desprazarse da Coruña á Carballo, non se respecta a orde de chegada na cola de embarque, e é a empresa concesionaria a que prioriza ás persoas que viaxan até o final da ruta a Fisterra, excluíndo ás que se dirixen a destinos intermedios como é o caso de Carballo, quedando apeados na estación coruñesa.

E esta realidade quedou reflectido nunha contestación da empresa concesionaria a unha queixa dun usuario do servizo, no que textualmente afirma que “En relación coa súa reclamación sobre a expedición con saída ás XX horas no traxecto A Coruña- Fisterra, queremos informarlle de que en dito servizo, ao tratarse do último que conecta Carballo coas localidades posteriores, é necesario priorizar o acceso dos viaxeiros con destino máis alá desa localidade, xa que non dispoñen de ningunha outra alternativa de transporte público para poder chegar ao seu destino”. Por tanto, a empresa Autos Carballo, S.L.U. estivo priorizando a subida aos buses segundo os destinos, co permiso da Xunta de Galiza, a pesar de que na comisión do Parlamento o grupo popular aseguraba que non estaba permitido.

Non hai dúbida de que esta práctica verificada pola propia concesionaria e xustificada na resposta dunha queixa, segue sendo claramente arbitraria, quebranta o principio de equidade e igualdade e non está amparada por ningunha normativa legal ou regulamentaria que sexa pública. Unha práctica que debe ser eliminada do servizo público, porque supón un tratamento desigual entre persoas usuarias, que afecta á
fiabilidade e correcto funcionamento do servizo e atende a intereses exclusivamente propios da empresa concesionaria e que pretende encubrir a falla de liñas e frecuencias, que debera por en marcha a Xunta de Galiza.

Incumprimento das obrigas da empresa

A Xunta de Galiza, como administración concedente do dereito, non pode consentir esta práctica sistemática da concesionaria, en tanto que supón un flagrante incumprimento das obrigas da empresa como prestadora dun servizo público. Polo tanto, a Xunta está obrigada a esixir a inmediata corrección deste sistema inxusto e inxustificado, a organización do servizo desa liña dun xeito claro e baixo criterios obxectivos e, no seu caso, adoptar medidas disciplinarias e as sancións que correspondan á empresa concesionaria.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate na Comisión 2a:

“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:
1- Comunicarlle oficialmente á empresa concesionaria dos traxectos Carballo – A Coruña que non está permitido establecer prioridades de embarque no transporte público e a informar publicamente desta cuestión para o coñecemento de todos os usuarios.
2- Reforzar a liña directa Carballo-A Coruña, establecendo máis frecuencias que partan das dúas estacións, nomeadamente nas franxas horarias de maior demanda.
3- Adoptar as sancións e as penalidades contractuais que procedan polos feitos acontecidos e confirmados pola propia empresa concesionaria.”