Evencio Ferrero e Luis Lamas en Outeiros (Rus) |
10/10/2015 O goberno municipal do BNG de Carballo non só está a cumprir os seus compromisos electorais de centrar o esforzo inversor nos barrios urbanos (nestes momentos está en execución o proxecto de reurbanización do barrio do Chorís) e na zona rural, senón que reforza o investimento en actuacións que contribúen a mellorar a calidade de vida nas parroquias. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha visita a varias obras que están en execución nas parroquias de Rus e Cances.
Obras de limpeza e pavimentación de pista en Caxín (Rus) |
Na primeira, a empresa Exoga está a traballar na rede de saneamento de Outeiros, un proxecto que abrangue a instalación de 819 metros lineais de canalización e 24 pozos que darán servizo a unha vintena de vivendas, cuxos residuos recibirán o tratamento axeitado na EDAR de Noví. Con este proxecto medioambiental, o Concello de Carballo avanza na extensión da rede de saneamento ao 90% da poboación, un obxectivo a medio prazo froito do compromiso do goberno do BNG co medio ambiente e coa equiparación de servizos entre o urbano e o rural. A obra ten un prazo de execución de catro meses e será financiada con cargo ao POS 2015, que inclúe investimentos no municipio por máis de 600.000 euros.
Tamén en Rus, a empresa Construcciones López Cao avanza nas obras de acondicionamento da vía de acceso ao lugar de Caxín, un proxecto que inclúe a limpeza de cunetas e dobre rego asfáltico nun treito de máis de 1.000 metros de lonxitude, e que se suma aos executados xa nas pistas de Calvelo-Cornaces, Calvelo-Arganosa e Cornaces-San Sadurniño, todas elas na parroquia de Rus, e ás de Calvelo-Albeiro e Pedreira-Vilar, na de Sofán. A mellora da rede viaria, outro dos compromisos electorais do BNG, recibirá un importante impulso neste mandato, tanto no que se refire á mellora da capa de rodadura das pistas como á ampliación das vías estruturantes.
Proxecto singular en Cances Grande
Na parroquia de Cances está en execución un proxecto singular que inclúe a pavimentación con cemento en todo o lugar de Cances Grande. A empresa Excavaciones Pose leva nestes momentos executados máis de 7.000 dos preto de 12.000 metros cadrados que abrangue a actuación, que tamén está incluída no POS. Evencio Ferrero e Luis Lamas comprobaron no lugar a boa marcha das obras e a satisfacción da veciñanza coa solución escollida, que foi adoptada por indicación de Patrimonio da Xunta de Galicia ao tratarse dun núcleo con numerosos bens patrimoniais.