Neste momento estás a ver A Área de Xuventude do Concello de Carballo distribuíu 3.000 exemplares da “Guía de recursos para a mocidade”

A Área de Xuventude do Concello de Carballo distribuíu 3.000 exemplares da “Guía de recursos para a mocidade”

A Área de Xuventude, integrada na Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo, está a piques de completar a distribución dos 3.000 exemplares da “Guía de recursos para a mocidade. RECarballo” e prepara unha segunda edición ante a boa acollida da publicación, que aposta pola cor, os elementos visuais e toda a simboloxía tradicional dos reprodutores de música para que os/as lectores/as entren nos distintos apartados, se deteñan en determinados datos ou “graven” outros.

A guía foi presentada o curso pasado dentro da “Semana das Artes e das Letras” do IES Alfredo Brañas e realizouse un reparto masivo nos tres institutos de secundaria da localidade. Coincidindo co inicio do curso actual tamén se levou a cabo a difusión de RECarballo no Pazo da Cultura, as bibliotecas municipais, o Museo de Bergantiños e a Oficina de Información Turística, o Fórum Carballo, os complexos deportivos Vila de Noia e Carballo Calero, as oficinas de Servizos Sociais, a Unidade Asistencial de Drogodependencias, a Asociación Antidroga Vieiro, o Espazo Xove da Xunta de Galicia, o Centro de Información á Mocidade A Xanela, a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a sede da Cruz Vermella e a casa consistorial, e ademais foi difundida en formato dixital a través de Internet. A rede de distribución completarase nos próximos días nos centros sociais das parroquias, co obxectivo de que a información chegue aos mozos e mozas de todo o termo municipal.

A “Guía de recursos para a mocidade. RECarballo” é unha publicación informativa de 28 páxinas sobre os principais recursos dispoñibles no concello para a poboación da franxa comprendida entre os 14 e os 30 anos, na que se lles facilitan as situacións, os horarios, as actividades permanentes, así como todo tipo de datos de contacto sobre formación, deporte, cultura, música, ocio, emprego, novas tecnoloxías ou voluntariado, entre outras materias que poidan ser do seu interese.