O goberno municipal do BNG de Carballo ten en marcha unha serie de actuacións encamiñadas a adaptar os espazos infantís ás necesidades dos nenos e nenas e a fomentar o xogo como peza fundamental no desenvolvemento das crianzas. Dentro desa filosofía enmárcase o plan de mellora dos 42 parques existentes no concello, dos que só quedan nove pendentes. Os outros 33 xa están rematados ou a piques de estalo, e ademais xa hai seis certificados. De feito, o proxecto incluía a reposición ou substitución de xogos, pezas ou elementos deteriorados -na gran maioría dos casos debido ao seu elevado nivel de uso-, e a elaboración dun informe posterior de verificación de que todos os xogos e os parques están en óptimas condicións.

Nun percorrido polos parques do casco urbano e das parroquias, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha comprobación dos traballos realizados pola empresa Jardinería Arce, SL, que resultou adxudicataria do contrato por un importe próximo aos 100.000 euros. Este investimento permitiu, ademais, poñer a disposición dos nenos e nenas con problemas de mobilidade os primeiros xogos adaptados, que se situaron na praza de Eduardo Pondal debido a que este tipo de xogos requiren dun espazo que non existe en todos os parques, aínda que a intención do goberno municipal é seguir implantándoos onde sexa posible.
Coa instalación dos primeiros xogos adaptados, o goberno do BNG dá resposta unha necesidade social. Outra, que numerosas familias veñen reiterando, é a de dispoñer dun espazo cuberto que facilite o ocio infantil tamén no inverno. Neste sentido, o Concello xa ten elaborado o proxecto que converterá o Parque do Anllóns no primeiro cuberto non só do municipio, senón de toda a Costa da Morte, unha actuación que se acometerá con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) que financia a Deputación da Coruña. Dentro do mesmo plan acometerase a reforma integral do parque infantil da Praza de San Cristovo, no que se renovarán o pavimento de caucho e todos os xogos.
O Concello de Carballo ten en marcha, así mesmo, os traballos de instalación dunha pista multideporte na Praza do Concello, un novo espazo pensado para que os nenos e nenas poidan practicar deporte e xogar con comodidade e seguridade. E ademais, para que os espazos infantís teñan o mellor aproveitamento posible, en breve acometerase tamén o reforzo da iluminación nos parques.