O goberno municipal do BNG dará un novo impulso á mellora da mobilidade peonil cos fondos do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016, que financia a Deputación da Coruña e que no caso do municipio de Carballo acada preto de 600.000 euros. No casco urbano acometeranse catro proxectos, entre eles a reurbanización do tramo da rúa Desiderio Varela comprendido entre a Colón e a Gran Vía. O investimento acadará os 211.158,49 euros, e permitirá completar a humanización da rúa, á parte de incluír a instalación de colectores soterrados na esquina da Gran Vía.
Ademais de acometer esta actuación pendente, o goberno municipal segue a estender os proxectos de mellora da mobilidade a distintos puntos do casco urbano. En concreto, dentro do PAI 2016, que será aprobado no pleno de hoxe, destínanse 220.530,67 euros ás obras de reurbanización da rúa Ponte, na que, para comezar, renovaranse todos os servizos soterrados, algúns dos cales presentaban problemas pola súa antigüidade. Na superficie afrontarase a reforma estética da vía, que terá plataforma única e máis espazo para os peóns á sombra dos arces, acivros e aligustres que se plantarán. Así mesmo, na confluenza coas rúas Luis Calvo e Perú construirase, grazas á cesión realizada pola familia Calvo Pumpido, unha glorieta que permitirá mellorar substancialmente o tráfico rodado nunha intersección moi complicada.
Os proxectos de mellora da mobilidade estenderanse a todo o casco urbano grazas a outras dúas actuacións: a reparación de varias rúas, por 72.964,25 euros, e a creación de rutas sen barreiras ao longo dos itinerarios do Pedibús ata os colexios Fogar e Bergantiños, para as cales resérvanse 143.579,52 euros do PAI Complementario.
Este plan anual da Deputación da Coruña tamén permitirá actuar na zona rural, en concreto na parroquia de Cances, onde se completará a pavimentación do núcleo de Cances Grande con cemento, un proxecto singular para un núcleo con numerosos bens patrimoniais. Na primeira fase, que se acometeu o ano pasado, foron pavimentados preto de 12.000 metros cadrados, e agora estenderanse ás obras ás vías que quedaron pendentes. Nas imaxes pódese apreciar a diferenza entre as dúas zonas.