O goberno municipal do BNG de Carballo agradece as mostras de solidariedade recibidas dende as distintas Administracións como consecuencia das inundacións no noso concello. Ás chamadas telefónicas do presidente da Fegamp, Alfredo García; o delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sumouse hoxe a visita da vicepresidenta do ente provincial, Goretti Sanmartín, que se detivo especialmente no Pazo da Cultura, onde a auga, que chegou até a terceira fila de asentos, provocou numerosos danos.


Goretti Sanmartín acudiu ata o Pazo da Cultura acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes; os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Cultura, Marcos Trigo, e o de Promoción Económica e deputado responsable da área de Cooperación co Municipios, Xosé Regueira. O alcalde fixo unha primeira valoración das consecuencias da inundación, que no Pazo da Cultura afectou a diversos aparatos electrónicos de luz e son, segundo un primeiro balance á espera de que a retirada da auga permita estudar o estado da madeira, mobles e instalacións.
Así mesmo, Evencio Ferrero explicou á vicepresidenta da Deputación a dimensión da zona afectada, en especial os comercios, domicilios e vías situados nas beiras dos ríos. Goretti Sanmartín tivo a ocasión de visitar a continuación os municipios de Coristanco e Ponteceso, onde as enchentes tamén deixaron unha importante pegada, e ofreceu o apoio do organismo provincial, tanto técnico como económico, para os concellos damnificados. No caso de Carballo, a situación vai volvendo á normalidade pouco a pouco, e por parte dos servizos técnicos municipais comeza agora a tarefa de avaliación de danos nos bens e infraestruturas de titularidade pública.
Para mañá venres está prevista tamén a visita a Carballo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que se interesou polo alcance das inundacións na comarca.