Neste momento estás a ver O BNG defende un modelo urbano con espazos para a infancia, aparcamentos que dinamizan o comercio e amplas zonas verdes
Aparcamento aglomerado na zona do Rego da Balsa

O BNG defende un modelo urbano con espazos para a infancia, aparcamentos que dinamizan o comercio e amplas zonas verdes

Aparcamento aglomerado na zona do Rego da Balsa
Aparcamento aglomerado na zona do Rego da Balsa

O grupo municipal do BNG de Carballo ten moi claro cal é o seu modelo urbano: un modelo que outorga a máxima prioridade ás persoas, que pretende atender as necesidades de toda a cidadanía dende a infancia ata a terceira idade e que trata de dinamizar sectores que contribúen tan decisivamente á economía local como o comercio.

Dentro dese modelo encádrase a estratexia de ampliación e mellora das prazas de aparcamento mediante acordos cos propietarios de solares, de xeito que a cambio da cesión gratuíta dos terreos para uso de toda a comunidade, o Concello de Carballo bonifícalles o 100% do recibo do IBI. A contía total no ano 2015 foi de 50.938,40 €, cifra que coñece moi ben a portavoz de Terra Galega porque se lle facilitou a relación por escrito no pleno do mes de outubro, polo que non se entende que falsee os datos nas intervencións públicas que realiza. Podería ser que TeGa preferise que os carballeses e as carballesas tivesen que pagar por aparcar, alá eles, pero o grupo municipal do BNG considera que os beneficios sociais e económicos para a veciñanza e para o comercio compensan de sobra o investimento que poida realizarse.

A boa situación económica do Concello de Carballo permítenos non só afrontar esa pequena redución nos ingresos do IBI, senón tamén seguir ampliando e mellorando as bolsas de aparcamentos ata as 1.897 prazas que temos nestes momentos no casco urbano. Lamentablemente, o desenvolvemento urbanístico é lento, o que permitirá que os aparcamentos estean dispoñibles durante moito tempo. Proba dilo é que o do San Martiño, que no seu momento foi un acerto, leva máis de vinte anos operativo.

No modelo urbano do BNG, as persoas son o máis importante. Por iso seguimos a desenvolver proxectos de humanización no centro e tamén nos barrios, e por iso queremos seguir gañando espazos para a cidadanía, para maiores e pequenos. A Praza do Concello é un lugar de referencia para todos os carballeses e as carballesas, e queremos que siga sendo un espazo de convivencia, de feiras e de xogos. En Carballo temos a sorte de contar cuns índices de natalidade elevados e unha poboación infantil moi ampla que tamén reclama os seus espazos. Conscientes desa necesidade, e convencid@s de que unha cidade que sexa boa para os nenos e as nenas será boa para tod@s, neste mandato converteremos o Parque do Anllóns no primeiro parque infantil cuberto de Carballo e da Costa da Morte. E por iso tamén incluímos no proxecto de mellora dos aparcamentos a creación dunha nova zona de xogo para os nenos e nenas na Praza do Concello. Insinuar que o BNG ten a culpa de que os temporais tiren árbores outórganos un poder case divino que, dende logo, non temos nin merecemos, igual que as insinuacións de TeGa non merecen máis resposta. Dado que o 28 de decembro xa pasou, as palabras da súa portavoz só poden ser produto do Entroido, porque de non ser así resultaría altamente preocupante que unha forza política esgrimira tales argumentos.

 

O grupo municipal do BNG ten demostrado sobradamente o seu compromiso co medio ambiente, un compromiso que se traduce na construción dunha nova captación de auga que beneficiará á saúde do noso río Anllóns, na posta en marcha de programas de compostaxe, na mellora do servizo de xestión de residuos ou na limpeza viaria, na recuperación das férvedas de Ramil e San Paio, na substitución das contaminantes lámpadas de vapor de sodio por leds, nos certificados de calidade máis esixentes de Europa para as nosas praias… Chama a atención que critique a nosa política medioambiental unha forza política que na campaña anunciaba en cada parterre da vila un centro social e en cada praza un aparcadoiro soterrado, o que significaría a desaparición de todas as zonas verdes e árbores da vila. Para o BNG, o medio ambiente é un compromiso que vai moito máis aló do que pretende facernos ver Terra Galega, un compromiso que nos leva a consignar nos orzamentos unha importante partida para a adquisición de terreos na zona do Bosque, porque as ribeiras do Anllóns, no modelo de cidade do BNG, teñen que ser a gran zona verde de Carballo.