Neste momento estás a ver O goberno do BNG dálle voz á cidadanía para deseñar o Carballo do futuro

O goberno do BNG dálle voz á cidadanía para deseñar o Carballo do futuro

Hoxe no salón de plenos do Concello de Carballo tomou a palabra o movemento asociativo. Medio cento de entidades culturais, sociais, deportivas, empresariais, veciñais e ANPAs responderon á convocatoria do grupo de goberno do BNG para participar no proceso de planificación do Carballo do futuro, que se plasmará na Estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), na que estamos a darlle voz tamén ás forzas políticas que integran a corporación e a toda a cidadanía a través da páxina web www.carballo.gal e das redes sociais do Concello.SAM_1929

O proxecto “Carballo sostible e para todos” aspira a conseguir financiamento dos fondos europeos FEDER para cidades de máis de 20.000 habitantes que presenten unha estratexia integrada de actuación nos ámbitos demográfico, social, económico, ecolóxico e ambiental. O horizonte de desenvolvemento das actuacións sitúase no ano 2020, e un dos requisitos ineludibles é a participación cidadá no deseño da cidade que queremos, un obxectivo que forma parte tamén da filosofía de goberno do BNG. Hoxe demos un importante paso nese sentido, e o alcalde, Evencio Ferrero, anunciou que ese SAM_1930proceso que poñemos en marcha para planificar o futuro do casco urbano estenderase tamén ao resto do territorio a través da creación dos consellos parroquiais.
Os fondos FEDER establecen criterios moi estritos. Dende o punto de vista territorial limítanse a zonas urbanas nas que residan máis de 20.000 habitantes, o que supón que Carballo é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que pode aspirar a ese financiamento. En canto ao financiamento, a subvención máxima será de 5 millóns de euros e dun 80 % do importe total do proxecto a desenvolver. E polo que respecta ao contido das actuacións, deben ir enfocadas á consecución de tres grandes obxectivos:

  1.  A mellora da capacidade económica e a competitividade a través, fundamentalmente, da implementación de tecnoloxías que contribúan ao achegamento da Administración ao cidadán.
  2.  A mellora física e medioambiental do territorio por medio de proxectos de rexeneración urbana, mellora da mobilidade e a accesibilidade, desenvolvemento turístico-cultural, redución das emisións de CO2 ou posta en marcha de medidas de aforro enerxético, entre outros.
  3.  A mellora da dimensión social a través de propostas que contribúan á inclusión de colectivos desfavorecidos e á rexeneración de barrios marxinais.

 

SAM_1924

Pero á marxe de que o proxecto do Concello de Carballo sexa merecedor ou non do financiamento europeo, o goberno do BNG ten claro, en primeiro lugar, que é precisa unha reflexión conxunta da sociedade carballesa sobre a estratexia de desenvolvemento do noso concello, e, en segundo lugar, como destacou Evencio Ferrero, que a cidadanía ten que participar activamente na planificación, o deseño e a construción do Carballo do futuro.