O sábado 9 de febreiro, a partir das 12.30 horas, coloquio na Sala de Lectura do Pazo da Cultura de Carballo con Nerea López Bolón, Teresa Búa Zache e Aixa Permuy Martínez, modera Carolina Pacoret.
Galiza Nova de Bergantiños continua coa súa actividade con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, desta vez propón un coloquio con tres intervintes ligadas ao ámbito universitario e que amosarán desde cadanseu eido, a figura da muller neste espazo.
Este acto, ligado á conmemoración do 8M, será moderado pola mestra Carolina Pacoret e contará con:
Nerea López Bolón (Carballo, 1998) arquitecta graduada pola ETSAC co TFG “Centros Maggie. Arquitectura da esperanza”, dentro da liña de investigación de arquitectura e xénero. Na actualidade segue a formarse cursando o mestrado habilitante en arquitectura pola UDC.
Teresa Búa Zache (Carballo, 2000) Graduada en Dereito e co mestrado en Avogacía pola Universidade da Coruña. Actualmente opositora a Xestión Procesal. Especialmente interesada no ámbito da perspectiva de xénero a nivel teórico-práctico, así como todo o que implica a defensa dos dereitos das mulleres e por ende na construción dun Dereito Antidiscriminatorio de Xénero. Vén de ser galardoada na cuarta edición do Premio da Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) e de Fin de Máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres, un galardón que mereceu co seu TFM “Lexislar e xulgar dende a perspectiva de xénero: especial referencia ao ámbito do dereito penal e aos delitos sexuais”.
Aixa Permuy Martínez (Ferrol) Profesora na Área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de CC. da Educación da USC e investigadora do Centro Interdisciplinario de Estudos Feministas e de Xénero nesta mesma Universidade. Traballa no desenvolvemento teórico-práctico da pedagoxía feminista e queer dos afectos, aplicada a corporalidades e afectos; amor – vínculos – formas de organizarse afectivamente; disidencias; e coidados, benestar e convivencia.