Neste momento estás a ver O BNG impulsa a creación dos consellos parroquiais

O BNG impulsa a creación dos consellos parroquiais

O goberno municipal do BNG de Carballo está a cumprir o seu compromiso coas parroquias e os barrios, non só a través de novos investimentos que están proxectados ou en marcha, senón tamén outorgando un maior protagonismo á cidadanía na xestión dos recursos públicos. A posta en marcha dos consellos parroquiais suporá un decisivo paso adiante no proceso de participación veciñal, e ese proceso arranca hoxe mesmo cunha xuntanza aberta que se celebrará no Fórum Carballo a partir das 20.30 horas.

O alcalde de Carballo, o nacionalista Evencio Ferrero, estará acompañado polo equipo técnico que se encargará do desenvolvemento do proceso, que explicará en detalle os obxectivos e as diferentes fases da posta en marcha dos consellos parroquiais, unha das ferramentas de participación recollidas no actual Regulamento de Participación Cidadá.

A xuntanza de hoxe suporá o inicio dun proxecto dirixido a todas e cada unha das parroquias, e que ten como principal obxectivo a posta en marcha dos consellos parroquiais. Esta ferramenta de participación funcionará como unha canle de comunicación formal entre a veciñanza e o Concello, incrementando o nivel de transparencia e de eficacia da xestión municipal. Así mesmo, a posta en marcha deste tipo de mecanismos de participación facilitará que os veciños e veciñas adquiran progresivamente un papel máis activo na toma de decisións que lles afectan.