Neste momento estás a ver O BNG demanda da Xunta unha política de mobilidade que contribúa á revitalización demográfica a económica da gran área da Costa da Morte
Presentación da campaña pola mobilidade na Costa da Morte

O BNG demanda da Xunta unha política de mobilidade que contribúa á revitalización demográfica a económica da gran área da Costa da Morte

Mudar a realidade do transporte público e das infraestruturas viarias e de telecomunicacións, e superar, en definitiva, os principais obstáculos para o desenvolvemento económico e demográfico da área da Costa da Morte é o obxectivo da campaña que vimos de presentar en Vimianzo. Neste céntrico concello da nosa gran comarca reuníronse hoxe á mañá o noso deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Pérez; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; os responsables comarcais do BNG de Bergantiños e Costa da Morte, Marcos Trigo e Xurxo Rodríguez; portavoces municipais, concelleiros/as e candidatos/as para as vindeiras eleccións.

A mensaxe é clara: “A Costa da Morte en un potencial impresionante. Temos capacidade industrial e produtiva, e o que fai a Xunta é desmantelala: quítanos industrias produtivas para meternos industrias de beneficios, como poden ser as eólicas. Hai que parar este abandono e crear unhas áreas funcionais de verdade nas que poidamos desenvolver o noso potencial”, manifestou Xurxo Rodríguez.

A Xunta de Galiza debe, como institución competente, evitar que vivir na Costa da Morte saia máis caro que noutras comarcas galegas porque, malia ter rendas máis baixas que a media galega, recibir menos investimento en infraestruturas e comunicacións e ser a única comarca costeira que perde poboación, o goberno galego prívanos dos servizos que permitirían reverter esa situación. Abonda de promesas incumpridas.

Para o BNG, a Costa da Morte precisa dun impulso que faga posible a revitalización económica e social, e para conseguilo consideramos imprescindible mellorar a mobilidade a través das seguintes actuacións:

  • Rematar a autovía da Costa da Morte ata Cee e eliminación das peaxes existentes en todos os treitos da autoestrada A Coruña-Carballo.
  • Realizar unha nova planificación das conexións de transporte público que mellore as rutas e os tempos e que amplíe as paradas nos núcleos rurais de toda a comarca.
  • Iniciar os estudos de viabilidade dun servizo ferroviario de proximidade para Bergantiños e a Costa da Morte.
  • Impulsar e executar un plan de mellora das telecomunicacións e de dixitalización da comarca, acelerando a implantación da fibra óptica de xeito que chegue a todo o rural.

Estas propostas serán trasladadas á Xunta de Galicia a través dunha iniciativa parlamentaria. Daniel Pérez criticou que, 14 anos despois da chegada do PP ao goberno da Xunta, na Costa da Morte non só non se solucionaron os problemas que había daquela, senón que aumentaron.