Neste momento estás a ver O BNG leva de novo ao Parlamento a situación do salón de actos do IES Alfredo Brañas, no que se agrava o deterioro

O BNG leva de novo ao Parlamento a situación do salón de actos do IES Alfredo Brañas, no que se agrava o deterioro

No IES Alfredo Brañas avanza o deterioro do salón de actos pero tamén, pouco a pouco, doutras dependencias, porque a praga de avelaíñas que ten devorada unha parte do patio de butacas segue estendéndose. O deputado Daniel Pérez e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, puideron comprobar nunha visita ao instituto a evolución da situación tras o primeiro derrubamento do teito, en xuño de 2021.

Dada a inacción da Xunta de Galiza, o grupo parlamentar do BNG presentou en marzo deste ano unha serie de iniciativas, ás que o conselleiro de Educación respondeu un mes despois que se encargaría de inmediato a redacción do proxecto. Estamos en outubro e no perfil do contratante da Xunta non figura aberto ningún procedemento relativo ao IES Alfredo Brañas, polo que entendemos que aínda non se contratou xa non a execución da obra, senón nin sequera a redacción do proxecto.

Segundo publicou a prensa o 15 de setembro, a Xunta ten comprometido un investimento de 350.000 euros para o salón de actos do IES Alfredo Brañas, pero nin ao dirección do centro nin á comunidade educativa se lle fixo chegar información ningunha ao respecto. E mentres tanto, a falta de mantemento tamén se fai notar na fachada do edificio coa caída de cascotes.

Por todo o exposto, o deputado Daniel Pérez vén de rexistrar unha batería de iniciativas para saber en que situación está o procedemento administrativo para a contratación das obras e cando está previsto executalas. Dende o BNG solicitamos que o Parlamento de Galiza insta á Xunta a acometer de inmediato o arranxo integral do salón de actos e a realizar as actuacións necesarias nas fachadas para evitar o risco de desprendementos.

Proposición non de lei para debate en pleno

Proposición non de lei para debate en comisión

Pregunta para resposta oral na Comisión 4ª

Pregunta para resposta escrita 

Pregunta para resposta oral en pleno