A responsable local do BNG de Carballo, Inés Rodríguez Muíño, e o responsable local do BNG da Laracha, Xoán Sande Muñiz, rexistraron durante o período establecido a tal efecto as alegacións das respectivas asembleas locais contra o proxecto do Parque Eólico Monteagudo, que se atopa en fase de tramitación por parte da Xunta de Galicia e que afecta a ámbolos dous concellos e ao de Arteixo.
A oposición dos nacionalistas carballeses e laracheses alegan en primeiro lugar que a empresa promotora realiza unha fragmentación do seu proxecto eólico en varios proxectos independentes de forma artificiosa, o que constituiría un fraude de lei, como veñen avalando sucesivas sentenzas xudiciais. Tanto a Lei do Sector Eléctrico como o Tribunal Supremo establecen que a liña de evacuación eléctrica debe formar parte do proxecto xeral, aspecto que neste caso non se cumpre. De feito, o propio proxecto que está tramitar a Xunta recolle: “A subestación Monteagudo conectarase a unha nova liña de alta tensión de 66 kV proxectada en tramos soterrados e aéreos, dende a subestación Monteagudo ata subestación de Morás. O proxecto desta liña non entra dentro do alcance deste proxecto”.
Para o BNG, o proxecto do Parque Eólico Monteagudo supón, ademais, unha afección severa e prexuízos irreversibles para as áreas de interese paisaxístico do Monte do Xalo, a Ribeira da Pena e o val fluvial do río Lourido; así como a itinerarios de carácter patrimonial, paisaxes, hostalaría e turismo e tamén ao sistema de brañas e zonas húmidas de todo o ámbito de influenza. “O parque eólico e a súa infraestrutura de evacuación fragmenta os hábitats, os ecosistemas e implica directamente a perda de biodiversidade. Pero non é só este parque. Existen outros parques no mesmo ámbito xeográfico. O proxecto eólico engadido aos parques existentes transforma as paisaxes de mosaicos agro –forestais e de montaña nunha paisaxe inhóspita de marcado carácter industrial inzada de muíños e liñas de alta tensión”.
A presión industrial derivada dos sucesivos proxectos de parques eólicos resulta excesiva, e ese impacto non é avaliado pola mercantil promotora. O proxecto debería ter en conta os impactos acumulados polos 32 proxectos previstos e en tramitación ao longo da costa e con afección directa sobre a Rede Natura 2000. O interese público e de utilidade social do proxecto carece de base e xustificación.
Por outra banda, o proxecto afecta de maneira irreversible a lugares identitarios para a poboación e as familias que viven e/ou traballan no ámbito xeográfico do parque e que resultan obviadas pola mercantil promotora.
Finalmente, dende o BNG consideramos que o proxecto do Parque Eólico Monteagudo supón unha vulneración flagrante da Lei de Montes de Galiza, ao supoñer a eliminación da multifuncionalidade do monte.