Nestas eleccións municipais non presentamos “un programa ao uso”, como dixo Milagros Lantes, número 20 da nosa candidatura, porque para o BNG a acción municipal non é un relatorio de medidas puntuais, senón un plan transversal que permita seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir.
O noso programa electoral recolle O mellor para Carballo a través de catro eixos fundamentais, “porque queremos un Carballo para as persoas, queremos un espazo público de calidade, temos capacidade para xerar oportunidades e un compromiso para un futuro máis sostible”, engadiu Milagros Lantes.
Hai catro anos presentamos o noso compromiso para o horizonte do 2030, e aínda que conseguimos levar a cabo a maior parte dos proxectos, sempre quedan e quedarán moitas cousas por facer, “como debe ser, porque se trata de seguir traballando todos os días para facer un Carballo cada día mellor, un bo lugar para vivir e no que sentirnos cada día máis cómodos”, rematou.
Evencio Ferrero, candidato á alcaldía, apelou á necesidade da complicidade e a colaboración doutras administracións para seguir construíndo o Carballo para as persoas, cun espazo público de calidade e unha maioir capacidade para xerar oportunidades, e todo iso mantendo o ineludible compromiso “cun futuro máis sostible”. Para o actual alcalde, o programa do BNG, que podes descargar máis abaixo, sintetízase no seguinte compromiso: “Traballar con ilusión día a día querendo o mellor para Carballo”.
Descarga aquí o programa electoral: Programa BNG Carballo 23 – A5[1]_compressed