Neste momento estás a ver Evencio Ferrero non só ten solicitado unha nova vía a Razo senón que se ofrece a asumir a titularidade da actual

Evencio Ferrero non só ten solicitado unha nova vía a Razo senón que se ofrece a asumir a titularidade da actual

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, non só ten solicitado á Deputación Provincial da Coruña a construción da nova estrada a Razo prevista no PXOM, senón que incluso manifestou por escrito a disposición do Concello de, unha vez rematada esa nova conexión, asumir a titularidade da actual CP-1902 “para que esa Administración provincial non incremente a súa extensa rede viaria”.

O pasado 24 de maio, o Consello Parroquial de Razo acordou de forma unánime encomendar ao Concello de Carballo para solicitar á Deputación Provincial da Coruña a realización dos trámites precisos para que esa nova vía sexa unha realidade. O día 28, catro días despois, a petición, xunto cos planos do trazado previsto no PXOM, foi remitida á Deputación. Nese escrito, o alcalde alude á elevada intensidade de vehículos que rexistra a estrada Carballo-Razo e á perigosidade da vía, polo que considera necesario acometer ese novo trazado “para garantir a accesibilidade e
seguridade”.

Para o goberno municipal do BNG, a mellora da seguridade viaria é unha prioridade, como temos demostrado, e no caso concreto da estrada de Razo vimos demandando desde hai anos que por parte da Deputación Provincial da Coruña, como titular da vía, se adopten as medidas necesarias para reducir a sinistralidade e facilitar a accesibilidade.

Neste sentido, despois de que o anterior presidente provincial, o popular Diego Calvo, fixese oídos xordos durante o seu mandato ás nosas demandas, nos últimos anos téñense producido algúns avances na mellora da seguridade, con accións coma o reforzo da sinalización ao paso pola parroquia de Oza. Pero, conscientes de que continúan a ser insuficientes, en maio do 2017 solicitamos tamén por escrito a instalación de redutores de velocidade en Arnados e nos accesos a Razo, así como a mellora da sinalización, e este mesmo ano, a raíz das demandas recollidas no Consello
Parroquial de Oza, reiterouse a petición da instalación de pasos elevados no lugar de Encrucilladas.

Ben está que o Partido Popular se sume agora ás nosas demandas, que son as dos veciños e veciñas de Oza e Razo. Mágoa que non o fixera cando gobernaba na Deputación.