Non o di o BNG, senón o decreto 200/1993, de ordenación da atención primaria na comunidade autónoma de Galicia, no seu punto 2: “En cada municipio de Galicia existirá, polo menos, unha unidade de atención primaria que atenderá como máximo a 20.000 persoas”. En Carballo xa somos máis de 31.000 habitantes, e polo tanto o noso concello debe contar con dous centros de saúde.
Cando o BNG reclama un novo centro de saúde non é unha ocorrencia. De feito, xa cando o bipartito formado por socialistas e nacionalistas gobernou na Xunta púxose sobre a mesa esa necesidade, e mesmo chegaron a barallarse posibles emprazamentos, aínda que finalmente o cambio de goberno impedise acometer ese necesario investimento do mesmo xeito que pasou con outros que mesmo tiñan consignación orzamentaria, como o abastecemento de auga á zona de Baldaio, o derrubo do edificio da rúa do Sol para eliminar un obstáculo da canle do Anllóns ou a segunda escola infantil, que tivemos que construír pola nosa conta, como seguramente teremos que facer co resto dos proxectos malia ter un representante no actual goberno da Xunta que non ten xestionado nin un só euro de investimento para Carballo.
Pero, volvendo á sanidade, Aurelio Núñez dixo na prensa, e repetiuno no pleno, que os “concellos que teñen a atención primaria repartida en centros, habitualmente están pero atendidos ca os que o teñen nun”. Quere iso dicir que a veciñanza de Oleiros, con 4 centros de saúde, ou as de Culleredo e Arteixo, con 3 cada un deles, está peor atendida que a de Carballo? Mesmo sen saír da nosa comarca atopamos outros exemplos de municipios moito máis pequenos como Coristanco, Ponteceso ou Malpica, nos que dispoñen de dous centros médicos (no último caso, ademais, un é de moi recente construción) e que, segundo a súa teoría, deberían pedir o peche de un deles para estar mellor atendidos.
Lembrámoslle que, tamén segundo a lei, “a unidade de atención primaria, que sempre formará parte dun servizo de atención primaria, é a estrutura básica para a prestación da atención integral de saúde á poboación”. E iso, nin máis nin menos, é o que reclama o BNG: un servizo que preste atención integral de saúde á poboación, a toda a poboación, aos máis de 31.000 habitantes que ten o noso concello nestes momentos e que estamos seguros de que seguirán aumentando, porque, malia a todos os atrancos que intentan poñernos desde a Xunta do PP, estamos a converter Carballo nun bo lugar para vivir.
Pediatras
Falemos de pediatría. Di vostede que acompañou ás nais que reclamaban a cobertura das prazas de pediatras no noso centro de saúde porque así llo pediron, e que non quixo facer publicidade das súas xestións. Faltaría máis que o deputado da zona, e que ademais é o portavoz da comisión de sanidade do Parlamento de Galicia, non se preocupase pola situación sanitaria do concello ao que representa. Pero, en segundo lugar, non hai máis que tirar de hemeroteca para deixalo outra vez en evidencia. Na información publicada o 17 de outubro en La Voz de Galicia-Edición Bergantiños, e que recollemos textualmente, sinalábase: “Fue el diputado Aurelio Núñez Centeno, portavoz de la comisión de sanidad del Parlamento de Galicia, el que anunció ayer en Radio Voz Bergantiños el regreso del facultativo, que vendrá a aliviar la situación. En su intervención, el también concejal del PP reconoció que en Carballo hay «un problema» y explicó que fue él el que se puso en contacto con las madres afectadas para conocer la situación”.
Representación
Sobre o de ter en conta a Bergantiños nas listas electorais, semella que xa non se lembra de que nas últimas eleccións o primeiro candidato que presentou o PP en representación da nosa comarca foi vostede: no posto número 13 pola provincia da Coruña, que foi o último que obtivo escano. O BNG presentou no posto número 6 á concelleira carballesa Belén Lendoiro, que para nós simboliza unha aposta por Carballo e pola comarca. Pero, aínda que estamos convencidos/as de que sería unha excelente deputada, tamén estamos moi orgullosos/as do traballo que están a desenvolver as 6 mulleres e homes que integran o grupo parlamentario do BNG, no que, malia non haber representación bergantiñá, xa ten presentado e defendido máis iniciativas e investimentos para esta comarca que os 41 deputados do PP.