Neste momento estás a ver Néstor Rego demanda no Congreso a coordinación do Goberno do Estado coa Xunta e co Concello de Carballo para salvar a lagoa de Baldaio
Protesta Baldaio xullo 2026

Néstor Rego demanda no Congreso a coordinación do Goberno do Estado coa Xunta e co Concello de Carballo para salvar a lagoa de Baldaio

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para urxir ao Ministerio de Transición Ecolóxica a coordinar coa Xunta e co concello de Carballo medidas urxentes destinadas a salvar a lagoa de Baldaio que se encontra nunha situación de “emerxencia ambiental”.

Rego traslada ao Goberno “o estado de enorme deterioro no que se encontra actualmente a lagoa de Baldaio, unha zona de grande valor ambiental incluída na Rede Natura e lugar de esparexemento e lecer, un problema que levou á mobilización dos veciños e veciñas do municipio”.

“A emerxencia ambiental ven causada polo fechamento total da canle que comunica a lagoa co mar desde o pasado mes de maio debido á acumulación de sedimentos, o que impide o ciclo normal da auga intermareal e provoca un estancamento que acelera os procesos de eutrofización e falta de oxíxeno, así como a perda de salinidade do espazo coa conseguinte aparición de peixes mortos, cambio de cor da auga, infestacións de insectos e malos cheiros”, explica o parlamentar do BNG.

Consecuencias para o marisqueo, o turismo e benestar da veciñanza

Alerta tamén ao Executivo sobre as consecuencias que a perda de biodiversidade ten para a actividade marisqueira que aínda sofre os efectos dos temporais. Un problema con máis derivadas posto que afecta asemade ao potencial turístico, sobre todo nesta datas de verán, e  nas condicións de vida da veciñanza.

A prioridade é salvar a lagoa de Baldaio

Néstor  Rego pon de manifesto que o concello de Carballo ten trasladado en diversas ocasións esta situación á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta coa que mantivo unha xunta en decembro pasado, mais nada se fixo. Hai que ter presente que o sistema costeiro de Baldaio mostra desde hai anos unha grande inestabilidade debido á dinámica da area de bocana, que xa obrigou o ano pasado a facer unha intervención de emerxencia.

O portavoz do BNG no Congreso alude aos informes da Xunta que non recomendan as aperturas mecánicas periódicas dado que poderían afectar negativamente ao estado da zona húmida, mais, recalca, “isto contrasta co feito de que a situación actual é consecuencia, precisamente, da actuación humana que alterou as correntes e afluencia de auga”.

O BNG exixe que se actúe para recuperar o ciclo natural da lagoa desde o respecto ao medio ambiente, con medidas sustentábeis e coordenadas polas distintas administracións. Neste sentido, unha das preguntas que fai ao Goberno é para coñecer se foron iniciados os contactos para abordar conxuntamente o problema e analizar as posíbeis solucións.

Podes ler a pregunta aquí.