Carballo medra, pero o centro de saúde é o mesmo que se inaugurou hai 30 anos. A saturación é indiscutible, como recoñece a propia Xunta de Galicia no seu Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria 2021: “Na actualidade as instalacións están ocupadas na súa totalidade na xornada de mañá e ademais estanse a utilizar tres consultas da área de PAC —dúas por medicina de familia e unha por enfermería—, imposibilitando deste xeito as novas incorporacións de profesionais que se prevén necesarias pola oferta de novas prestacións a desenvolver na Atención Primaria».
Carballo necesita un centro de saúde que responda ás necesidades dunha poboación en aumento e cunha carteira de especialidades do século XXI. Aínda que na páxina web do Sergas figuran, o certo é que a Xunta foi reducindo do centro de saúde de Carballo especialidades coma cirurxía ou xinecoloxía, que dende o BNG consideramos imprescindible recuperar, así coma medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía, como mínimo. É fundamental incrementar a carteira de especialidades para evitar desprazamentos á veciñanza e para reducir os altos niveis de masificación que teñen os centros de especialidades de referencia na cidade da Coruña.
Lonxe de incrementar a oferta de especialidades, vemos como día tras día asistimos a un deterioro aínda maior da sanidade pública da que dispón a veciñanza de Carballo e dos concellos da súa área de influencia. Como colmo dunha situación que non pode cualificarse máis que como desatención sanitaria, neste momento nin sequera é posible facer unha simple radiografía. O aparato de raios X non funciona dende o 20 de maio e descoñécese cando se vai proceder á súa reparación ou substitución, porque o que non queremos pensar é que tamén se vaia desmantelar o servizo de Rx do cada vez máis precario Centro de Especialidades de Carballo.
A situación actual do servizo provoca, entre outras, as seguintes consecuencias:
- Todas as urxencias que precisan dunha radiografía estanse a derivar á Coruña, masificando aínda máis os centros de especialidades de referencia na capital da provincia.
- As citas de preoperatorios repartíronse entre Ponteceso e A Coruña.
- Hai centos de persoas pendentes de volver a citar por non poder ser atendidas.
- A medida que pasan os días sen solucionar a avaría do aparato de Raios X aumentan as listas de agarda, co cal non será posible poñerse ao día polo menos ata despois do verán.
Dende o BNG esiximos o restablecemento inmediato do servizo de Rx, así coma medidas de reforzo para acurtar as esperas e restablecer canto antes a normalidade no servizo. Neste sentido, o deputado Daniel Pérez presentará a correspondente iniciativa no Parlamento de Galiza.