O BNG aposta firmemente por enerxías renovables como a eólica, pero non a calquera prezo. No caso dos proxectos dos parques eólicos Monte Neme e Coto Loureiro ese prezo é inasumible, e por iso rexeitámolos e convidamos tanto aos concellos afectados coma á cidadanía a que o fagan tamén.
Polo que respecta ao parque eólico Monte Neme, que afecta aos concellos de Carballo (que xa presentou alegacións) e Malpica de Bergantiños, o deputado Daniel Pérez e o responsable comarcal do BNG, Marcos Trigo, rexistraron xa o documento que recolle os motivos da nosa oposición ao proxecto. Son moitos, xa que a autorización que está a tramitar a Xunta está repleta de erros e eivas tanto na forma coma no fondo. A nivel medioambiental, por exemplo, non se avalía correctamente o impacto da construción das infraestruturas do parque (vías, canalizacións…), nin sobre os recursos hídricos, nin nos hábitats e especies de flora e fauna protexidas, malia afectar a unha Zona de Especial Protección para as Aves como é o complexo Razo-Baldaio.
A autorización deste parque tal como está proxectado suporía “un dano irreparable para a zona”, insistiu Marcos Trigo. Este venres, nun acto no que tamén estivo presente o BNG de Malpica, o responsable comarcal do BNG compareceu con membros dos grupos municipais de Cerceda e A Laracha para anunciar que tamén se presentarán alegacións contra o proxecto denominado Coto Loureiro. Os motivos son semellantes e os prexuízos, moi importantes. “O proxecto afecta en moitos aspectos, sobre todo ás persoas, polo ruído, a incidencia no patrimonio natural, na actividade agrogandeira e forestal, no turismo…”, como apuntou o voceiro do BNG da Laracha, Xoán Sande.
Os representantes nacionalistas lembraron que en Galiza hai centos de proxectos eólicos en tramitación, polo que dende o BNG tense solicitado unha moratoria para poder abordar a necesaria ordenación do territorio. Debemos planificar onde se poden colocar e onde non, pero tamén “saber onde quedan os cartos, porque non podemos esquecer que a sede social das empresas están en Madrid”, dixo o voceiro de Cerceda, Alberte Sánchez. Para o BNG é imprescindible ademais unha tarifa eléctrica propia, máis barata para as galegas e os galegos, para compensarnos polos custes sociais e ambientais de ser produtores netos de electricidade. Pensamos que é de xustiza.