Neste momento estás a ver Feijoo confirma que Carballo non contará cun novo centro de saúde nesta lexislatura

Feijoo confirma que Carballo non contará cun novo centro de saúde nesta lexislatura

PROTESTA PEDIATRAS (4) bng

Feijoo deu a coñecer hoxe o plan de investimento que levará a cabo a Xunta ao longo desta lexislatura “para mellorar os servizos de atención primaria”, un plan que inclúe a construción de 18 novos centros e a ampliación de dous, pero nin entre os primeiros nin entre os segundos figura o de Carballo. Isto significa que, polo menos ata o 2020 -e moito nos tememos que mentres o PP siga gobernando en Galiza- a Xunta seguirá penalizando aos nosos veciños e veciñas sen unhas novas instalacións que eviten a saturación do edificio actual e dos profesionais que prestan servizo nel.

Pouco se pode agardar do goberno autonómico do Partido Popular cando nin sequera o deputado de Carballo, que ademais é portavoz do grupo municipal do seu partido, vota a favor das emendas presentadas polo BNG para poñer fin ás principais eivas que ten o noso concello en materia sanitaria. Desde a Xunta xa nos deixan claro que non consideran importante que Carballo teña un novo centro de saúde, pero tampouco unha ambulancia medicalizada ou máis consultas de especialidades.

Cando Aurelio Núñez nos pide a través da prensa que “reflexionemos” sobre a nosa política social no Concello de Carballo debería pensar que a sanidade tamén forma parte da política social de calquera goberno. Por certo que, tal como recolle a Xunta na súa páxina web, a Consellería de Política Social é o órgano con “competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, inmigración, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de xuventude e voluntariado”. Por desgraza, desde as Administracións locais vémonos obrigados en más ocasións das que serían desexables a asumir parte desas competencias.