Nais e pais, nenas e nenos, docentes e representantes do BNG nos concellos de Bergantiños participaron hoxe na concentración contra a LOMCE convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
O sol, a música e a pintura de mans na que se embadurnaron os rapaces animaron a xornada de protesta, que rematou coa lectura do seguinte manifesto:
“Amosamos o noso total rexeitamento á LOMCE e, por tanto, á proba xeral de 3º de Primaria e/ou á proba xeral de final de etapa en 6º de Primaria, á que vai ser sometida o alumnado, entre outras razóns, porque:
1- O establecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria pretende pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responde, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúe a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades.
2- É unha aberración dende o punto de vista pedagóxico someter o alumnado a unha presión innecesaria, mediante probas que o van avaliar baixo estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e aptitudes do alumnado.
3- Limítanse a avaliar o ámbito lingüístico, matemático e científico-técnico, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado.
4- Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.
5- Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
6- Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha formación o máis completa posíbel.
7- Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos.
8- Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
9- ANIMAMOS ÁS FAMILIAS A SUMARSE Á INSUBMISIÓN Á REALIZACIÓN DESTAS PROBAS SOBRE OS NOSOS FILLOS E FILLAS non os enviando ao colexio durante as horas, ou días, da súa realización. Esiximos noa e constantemente a derrogación da LOMCE, non queremos esa lei.