Un total de 131 persoas participaron na xuntanza que marca o inicio do proceso de posta en marcha dos consellos parroquiais de Carballo, unha ferramenta que está prevista no Regulamento de Participación Veciñal e que dará voz á cidadanía. O auditorio do Fórum quedou pequeno, o que demostra, como afirmou o alcalde, “que debemos impulsar a participación”. Evencio Ferrero ofreceu unha breve explicación do proceso que se vai acometer co apoio de todos os grupos políticos, que coinciden na necesidade de que os consellos parroquiais sexan “apolíticos”, fomentando que sexan os veciños e veciñas os que tomen as decisións dende o primeiro momento.

A resposta foi excelente. Non só pola amplísima representación do movemento asociativo que houbo na reunión, senón pola disposición dos asistentes a colaborar para levar a bo porto un proceso que será longo e que implicará un forte compromiso. De feito, a maioría das persoas presentes xa se inscribiron para as seguintes xornadas conxuntas, que se celebrarán o 19 e o 26 deste mes tamén no Fórum Carballo.
Dos detalles do proceso encargouse Ismael Blanco, representante da empresa que o levará a cabo. “O primeiro que queremos é coñecer a realidade e saber, por boca vosa, cal é a situación de cada unha das parroquias, porque estamos falando de 17 realidades diferentes”, explicou. Deste xeito, un obxectivo dos vindeiros encontros será a elaboración dun diagnóstico. Pero haberá outros, como o fomento do traballo en rede, e por iso, precisamente, nestas primeiras reunións participarán persoas de todas as parroquias, o que propiciará un maior coñecemento e un intercambio de iniciativas, actividades e propostas. Das xuntanzas deste mes tamén deberá saír o denominado grupo impulsor, un equipo de traballo “que definirá –explicou Ismael Blanco- o sistema de traballo ou que cuestións se van abordar”.

O seguinte paso será a constitución dos consellos parroquiais, organismos concibidos para “mellorar a comunicación dos veciños co concello e do concello cos veciños, pero tamén para mellorar a calidade de vida da parroquia”, como sinalou Ismael Blanco. A empresa Deloga, especializada en procesos de participación, fará un seguimento non só da constitución, senón tamén das xuntanzas iniciais dos consellos parroquiais en cada una das parroquias nas que se consigan poñer en marcha.