O proceso de constitución dos consellos parroquiais de Carballo sigue avanzando. Despois da excelente resposta que obtivo a reunión inicial de presentación do proxecto, para este xoves 19 está convocado o primeiro dos dous encontros participativos previstos para este mes e que teñen dous obxectivos principais: por unha banda, realizar unha diagnose da situación de cada unha das parroquias, e por outra, identificar ás persoas que pasarán a formar parte do grupo impulsor dos consellos parroquiais.
Dada a importancia da xuntanza, que se celebrará no Fórum Carballo a partir das 20.30 horas, dende o BNG de Carballo queremos convidarvos a participar, tanto ás entidades que desenvolvedes a vosa actividade nas distintas parroquias como aos veciños e veciñas que, a título individual, queirades sumarvos ao proceso.
O traballo de diagnose e creación do grupo impulsor dos consellos parroquiais completarase no encontro participativo previsto para o día 26. Deste xeito, en maio quedaría rematada a primeira parte do proceso, centrada na información a todos os sectores sociais implicados, e en xuño daríase o seguinte paso, que consistirá na formación das persoas que integren o grupo impulsor dos consellos parroquiais, o que facilitará a coordinación futura e o traballo en rede.