Maica Ures é un dos exemplos do difícil que resulta conciliar a vida laboral e familiar cando es nai, e máis cando es nai de xemelgos! Sábeo tan ben que dende as áreas de Igualdade, Benestar e Participación Social, nas que ten responsabilidades de goberno neste mandato, está a impulsar todo tipo de accións para avanzar no camiño cara a igualdade, implicando á infancia, á mocidade, ás mulleres e tamén aos homes.
As raíces da número 8 da nosa candidatura están na parroquia de Sísamo, á que está moi, moi vinculada e na que forma parte do Consello Parroquial en representación do BNG. Maica, licenciada en Ciencias Políticas, activa, creativa e feminista, forma parte do mellor equipo para gobernar este concello porque leva a xustiza social e a Carballo na cabeza e no corazón.