Practicamente á mesma hora na que se celebraban en todo o País concentracións contra a violencia machista convocadas polo feminismo galego, a corporación municipal de Carballo gardaba un minuto de silencio pola última vítima do terrorismo de xénero e aprobaba a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
| Minuto de silencio no pleno ordinario deste luns |
O BNG levará a cabo en toda Galiza unha campaña ata a data do 25 de novembro para esixir que a Xunta poña en marcha novas medidas de sensibilización social e de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero. O grupo municipal do BNG de Carballo reitera o seu compromiso na loita contra a violencia machista, que consideramos que debe ser unha prioridade absoluta na actividade política.
Por ese motivo, o Concello de Carballo estará sempre a carón de quen defenda o dereito á vida e a integridade física e moral das mulleres, e agradece o labor das organizacións de mulleres que teñen contribuído, decisivamente, a converter este delito nun problema de Estado.
