Na candidatura do BNG temos á nosa propia experta en turismo: Irene Garcia Areosa, técnica en guía e asistencia turística e axencias de viaxes. Aínda que é moi nova, a número 25 xa formou parte da nosa candidatura hai catro anos, e ademais é unha persoa moi activa no consello local.
Irene destaca a política turística que está a desenvolver o BNG en Carballo, baseada non só na promoción sostible dos nosos importantísimos recursos naturais, paisaxísticos ou patrimoniais, senón tamén nos eventos culturais, deportivos, artísticos ou comerciais como elementos de atracción e, polo tanto, de dinamización económica.
E agarda, ademais, que xunto a estas accións, as políticas de formación e emprego que estamos a desenvolver contribúan a que Carballo sexa un lugar cada vez mellor para que a xente nova forme a súa vida.
Mentres agarda a súa oportunidade laboral, Irene aproveita para “devorar” libros, porque a lectura é unha das súas grandes paixóns. Irene é un dos 31 pilares que sosteñen o mellor equipo para gobernar o noso concello, porque ademais de ser unha persoa nova, preparada, comprometida, optimista e solidaria, tamén leva Carballo na cabeza e no corazón.