Para o BNG, o comercio local é un sinal de identidade. Non podemos entender a vida das nosas vilas sen este comercio, e por iso este Nadal queremos convidarte a apostar polo noso. Impulsada polo Consello Comarcal do BNG, a campaña “Mellor local, mellor galego” chega aos sete concellos de Bergantiños, nos que se desenvolverán accións a pé de rúa ao longo das festas.

Paralelamente, o BNG defende unha serie de propostas concretas para todo o país, entre elas incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega; recuperación dos mercados municipais e das zonas comerciais tradicionais; promoción da produción alternativa e ecolóxica, ou impulso dunha marca de calidade e de identificación da orixe dos produtos da horta, pesqueiros e marisqueiros, e tamén prezos xustos para o leite galego.

“É preciso poñer en marcha unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes”, reclama a nosa portavoz nacional, Ana Pontón. “Dende o BNG -recalcou- queremos unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos”.

A pandemia da COVID-19 deixou ao descuberto a importancia e a necesidade de apostarmos polo comercio local de proximidade. En Galiza, onde temos unha terra un mar únicos, que producen alimentos de extraordinaria calidade, resulta aberrante vermos como, dia tras día, o goberno do PP á fronte da Xunta opta por darlle as costas ao sector primario, á industria de transformación e a comercio de proximidade.

Fronte á política destrutiva do PP, dende o BNG defendemos que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que as actividades agrogandeira, pesqueira e marisqueira, a súa transformación e comercialización, sexan un factor de xeración de emprego e dinamización económica neste país e nesta comarca, que tanta falta fai.

Descarga aquí o folleto informativo: Mellor local, mellor galego – folleto