A Comisión 6ª do Parlamento de Galiza debaterá o día 21 unha proposición non de lei do BNG para instar á Xunta de Galiza a formalizar de inmediato os contratos adxudicados para a redacción dos proxectos de expropiación e de urbanización do polígono industrial de Bértoa, a axilizar a tramitación no posible e a fixar e comunicar á comunidade de propietarios/as un cronograma para a ampliación do parque.
A ampliación do polígono de Carballo contaba xa nos orzamentos do 2009 cunha partida (que nunca se chegou a executar), mais houbo que esperar ao ano 2020 para se anunciar polo Goberno galego a execución desa ampliación para o ano seguinte. Xa nese momento desde o Goberno local se advertía que, polos tempos de tramitación, o polígono non estaría en disposición de ofertar solo industrial antes do 2024.
Foron estas previsións optimistas, á vista da situación actual. Cinco anos despois dese anuncio, malia a súa reiteración por parte do Partido Popular en épocas electorais, a realidade é que en Carballo non queda nin un só metro de chan industrial. O reiterado incumprimento, por parte da Xunta de Galiza, dos prazos fixados pola propia Administración galega, sitúan a Carballo na situación, perfectamente evitable, de non dispor dun só metro cadrado de solo que ofertar para a implantación de empresas. O que supón un auténtico “tapón” para o desenvolvemento e crecemento do tecido industrial tanto a nivel local como comarcal.
En canto á tramitación administrativa, despois de adxudicarse a finais do ano pasado a redacción do proxecto de expropiación, así como a redacción do proxecto de desenvolvemento e urbanización e do de parcelamento do Plan Estruturante, ambos contratos seguen a esperar pola súa formalización. A dilación inxustificada do inicio da tramitación da ampliación, así coma o incumprimento sistemático e reiterado dos anuncios e promesas da administración competente, supuxo unha perda de oportunidades e supón un lastre para o crecemento do propio parque, para Carballo, mais tamén para o desenvolvemento económico da comarca.
Un polígono estratéxico
O polígono de Bértoa é unha das areas industriais e de implantación empresarial de maior proxección de Galiza. Empresariado do polígono, Concello de Carballo e a propia Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) coinciden no carácter estratéxico deste parque como polo de xeración de emprego, con incidencia local mais tamén comarcal, e en consonancia, na necesidade de potencialo. O eixo industrial que conforma o polígono industrial de Bértoa cos de A Laracha e Arteixo, e a conexión con Punta Langosteira e o porto exterior, converteuno nun dos de maior actividade e crecemento nos últimos anos, e o pulo dos empresarios deste polígono carballés conferiulle un dinamismo diferenciado e diferencial (distinto ao de calquera parque e que o diferencia de outros parques) a este parque.
A súa ubicación, e ese dinamismo, fixeron do parque carballés un dos máis atractivos para a implantación empresarial, o cal se traduciu nunha venda constante de parcelas nos últimos anos. Até o punto que, a día de hoxe, o polígono industrial de Bértoa carece dun só metro de solo susceptible de ser ocupado por novas empresas que se queiran implantar na nosa zona. O feito de esgotarse oficialmente a oferta de solo industrial de promoción pública no concello de Carballo constitúe un freo para o crecemento do parque, e por ende, para xerar sinerxías positivas desde o punto de vista da creación de emprego e desenvolvemento económico de Carballo e da propia comarca.