Nunha xuntanza celebrada en abril do 2018 a iniciativa do goberno municipal do BNG de Carballo, Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) comprometéronse a facer un seguimento “exhaustivo” da situación do polígono de Bértoa para que non chegase a esgotarse o solo industrial sen desenvolver as seguintes fases. Naquel momento estaba vendido o 75% da superficie. Sete anos despois, malia os sucesivos anuncios electorais realizados polo PP ao longo de todo este tempo, a realidade é que en Carballo non queda chan industrial. A Xunta de Galicia non foi quen en todo este tempo de acometer a ampliación do parque empresarial, o que frea o crecemento económico que estaba a experimentar o noso concello.
O alcalde, Evencio Ferrero, considera “inadmisible” que Carballo non poida poñer nin un só metro cadrado de solo industrial a disposición das empresas que queiran instalarse no noso concello, malia terse reiterado por activa e por pasiva durante todos estes anos que esta situación podía chegar a producirse.
As advertencias realizadas unha e outra vez desde o goberno municipal e desde o empresariado carballés non só foron desoídas polo PP, senón que, como lembra o deputado nacionalista Daniel Pérez, no ano 2021 desde as filas populares chamáronlle “mentireiro” a Evencio Ferrero por dicir que, polos trámites administrativos que supón, o polígono non podería estar feito antes do 2024. O alcalde non só non mentiu senón que quedou curto. Agora vese quen tiña razón e quen non, e non o di o BNG senón a hemeroteca:
-
11 de febreiro do 2020 (La Voz de Galicia): La Xunta confirma que la ampliación del polígono de Bértoa se ejecutará en el 2021
-
7 de maio do 2021 (páxina web do Polígono de Carballo): “La conselleira Ánxeles Vázquez visitó ayer nuestra área empresarial y anunció la tan demanda ampliación del polígono. Los trámites de ampliación se iniciarán este mes de junio y la previsión es que se empiece la comercialización de parcelas en el 2023”
-
15 de outubro do 2021 (La Voz de Galicia): Luz verde a la segunda ampliación del polígono carballés de Bértoa. Medio Ambiente prevé iniciar las obras de construcción a lo largo del 2023
-
18 de xaneiro do 2023 (páxina web da Xunta de Galicia): “A Xunta destinará este ano preto de 180.000 euros a traballos técnicos coa previsión de redactar e aprobar o proxecto de urbanización e expropiación de solo no primeiro semestre de 2024 e, a continuación, licitar as obras. O obxectivo é rematar esta actuación a mediados de 2025”
-
19 de xaneiro do 2023 (páxina web do Polígono de Carballo): Las primeras parcelas de la 3ª fase a la venta en el segundo semestre de 2024.
-
30 de setembro do 2024 (páxina web da Xunta de Galicia): “Belén do Campo repasa cos empresarios do polígono de Carballo os avances na tramitación da ampliación deste parque empresarial. A representante do Goberno autonómico trasladou o compromiso do Goberno galego de seguir impulsando a variante de Carballo”
A realidade é que o reiterado incumprimento, por parte da Xunta de Galicia, dos prazos fixados pola propia Administración galega, sitúan Carballo nunha situación que se puido ter evito, sen un só metro cadrado de solo a disposición das empresas, sen posibilidade de desenvolvemento e crecemento do tecido industrial, nin de creación de emprego ligado a este sector. O Partido Popular segue a demorar sen explicación unha infraestrutura imprescindible para Carballo.
