Tres meses despois do inicio do curso escolar 2024-2025, segue a se evidenciar unha realidade incontestable: a atención á diversidade no ámbito educativo non é prioritaria para a Consellería de Educación da Xunta de Galiza.
O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ten dereito a unha educación inclusiva e de calidade, tal e como se recolle na Orde de 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galiza en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, publicado no Diario Oficial de Galiza o 26 de outubro de 2021. O que obriga á Xunta de Galiza, con competencias exclusivas en materia educativa, a dotar aos centros educativos dos medios humanos e materiais necesarios para atender ao alumnado con necesidades especiais.
Mais o Goberno galego incumpre esa obriga legal. E non é esta unha afirmación teórica, senón unha realidade, como dicimos, evidente e incuestionable. Evidente porque son moitos os centros de ensino e as comunidades educativas que seguen a denunciar de xeito público que a Xunta está a vulnerar de xeito reiterado os dereitos das crianzas con necesidades específicas de apoio educativo. Incuestionable, porque do que estamos a falar é de crianzas, con nome e apelidos, con necesidades específicas de apoio educativo constatadas polos equipos de orientación. Alumnos e alumnas que precisan dunha atención (á que teñen dereito por lei) que só se pode prestar con mestras e mestres especializados. Con equipos de atención a diversidade ben dotados, con especialistas en Audición e Linguaxe, en Pedagoxía Terapéutica, coidadores e profesorado de apoio en número suficiente para a atender a este alumnado. Mais, como dicimos, a atención á diversidade non é prioritaria para a Consellería de Educación da Xunta de Galiza.
Só na comarca de Bergantiños, e circunscribíndonos ao presente curso escolar, atopamos casos que xustifican esta afirmación. Carencias na atención á diversidade afloraron no CEIP Canosa-Rus (Coristanco), no Agra de Leborís (A Laracha) ou no Centro Público Integrado Cabo da Area (Laxe). Mais tamén no CEIP Bergantiños.
O CEIP Bergantiños sitúase no concello de Carballo e conta con 575 alumnos e alumnas. Desde a dirección do centro, mais tamén desde a ANPA, comunicáronlle á Consellería de Educación que neste centro 20 destas crianzas están recoñecidas como alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE), ao tempo que 180 teñen certificación como alumando con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). Constitúen, polo tanto, un 35% do total. Desde a comunidade educativa denuncian que estas crianzas non están a recibir a atención á que teñen dereito por lei ante a insuficiencia do persoal docente e especialista. Situación agravada polo feito que neste momento hai 50 alumnos pendentes de valoración por parte da única orientadora do centro, que certo elevarán a porcentaxe de alumnado con necesidade de apoio certificado. Existe neste centro un nutrido grupo de alumnado sen competencia en lingua galega ou castelán, que fai tamén necesario dotar a este centro dun Grupo de Adquisición de Linguas, dotado de profesorado.
En definitiva, é necesario e urxente que a Consellería se reúna coas familias e equipo directivo do centro e atenda a súas xustas demandas.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate na Comisión 4ª:
“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a atender as necesidades do CEIP Bergantiños de Carballo adoptando canto antes as seguintes medidas:
1. Incorporar con carácter urxente un/unha segundo orientador/a.
2. Reforzar o equipo de orientación á diversidade coa incorporación de mestras e mestres de AL E PT en número suficiente para garantir a atención á diversidade.
3. Incluír este centro no programa PROA+, se o centro reúne os requisitos esixidos.
4. Dotar o centro dun Grupo de Adquisición de Linguas, con asignación do profesorado necesario.”