Neste momento estás a ver Daniel Pérez reclama no Parlamento de Galiza a creación do cuarto xulgado de Carballo

Daniel Pérez reclama no Parlamento de Galiza a creación do cuarto xulgado de Carballo

O deputado carballés Daniel Pérez vén de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galicia “a demandar a urxente creación dun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución no partido xudicial de Carballo“, así coma a adoptar, mentres non se amplía a planta xudicial, as medidas de reforzo que permitan axilizar os tempos de resolución dos procedementos e reducir a elevada pendencia que soportan as unidades xudiciais existentes.

A estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial correspondente ao último exercicio finalizado reflicte un novo incremento no número de asuntos rexistrados, tanto na sección penal como fundamentalmente na civil. A entrada de asuntos de carácter civil no ano 2023 foi case un 15% superior á de 2022, máis dun 21% superior á de 2021, e un 62% máis elevada da de 2017.

Nos últimos anos o rexistro de procedementos civís superou con moito o número máximo establecido polo baremo aprobado polo CXPX para xulgados de primeira instancia e instrución. Idéntica evolución experimentou a execución de sentencias pasando das 391 rexistradas en 2017 ás 567 incoadas no 2023.

A evolución do asuntos penais tramitados na sección penal experimentou un leve incremento, se ben en violencia sobre a muller pasouse dos 157 asuntos incoados no 2017 aos 287 do 2023. Alén do preocupante da evolución do número de procedementos tramitados nesta materia, non existe dúbida que se trata de asuntos que exixen dunha especial atención e urxencia, exixindo en moitos casos prolongar a xornada ordinaria de traballo.

Malia a evolución da carga de traballo indicada anteriormente, segundo consta na documentación publicada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o incremento do cadro de persoal dos xulgados de Carballo foi mínima. O cadro de persoal dos xulgados de Carballo, decanato incluído, o 1 de xaneiro de 2024 é o mesmo que había o 1 de xaneiro de 2017 coa única excepción do corpo de tramitación procesual do xulgado de primeira instancia e instrución núm.1 que se incrementou nunha persoa. Se a carga de traballo medra considerablemente, mesmo superando os límites marcados como máximos polo CXPX, e o cadro de persoal apenas sofre variacións, cal será a consecuencia de tal discordancia?

Incremento constante

Pois coherentemente o número de asuntos en tramitación experimentou un notable incremento, como tamén o tempo que a cidadanía ten que agardar pola resolución dos seus procedementos. Se a finais de 2017 había 831 procedementos en tramitación na sección civil dos Xulgados de Carballo, no 2023 había 2.436, isto é, 4 veces máis. Se en 2017 había 1.695 sentenzas en execución, no 2023 eran 2.457 as sentenzas que estaban pendentes de ser executadas. Igualmente, o número de asuntos en tramitación na sección penal tamén sufriu un notable incremento, dun 30% nos procedementos penais de carácter xeral, e de máis dun 80% nos de violencia sobre a muller.

A elevada entrada de asuntos, nomeadamente de carácter civil, precisa da creación dunha nova unidade xudicial, como dende hai anos ven demandado o BNG os diferentes operadores xurídicos do partido xudicial e sindicatos como a CIG, e que neste exercicio tamén a Comisión Mixta TSX de Galiza e Xunta, mais non a entenden prioritaria, como se deduce da orde que ocupa na prelación de unidades reclamadas, polo que non é esperable a súa creación neste exercicio.

En consecuencia, a carga de traballo que soportan os Xulgados de Carballo e a complexidade e adicación dos mesmos, demandan dun aumento do cadro de persoal e con carácter inmediato da adopción de medidas de reforzo para evitar que as consecuencias da falta de xestión e dotación de medios os siga a pagar a cidadanía que ve como se incrementan os tempos de resolución dos seus procedementos.