Non se nos ocorre mellor homenaxe a Paco Souto que esta lembranza do escritor carballés Xurxo Borrazás.
“Na tele non deran mal tempo, vinte graos, nubes e claros, algo de vento… en resumo, un día de primavera. No Atlántico había unha borrasca boa ao oeste de Irlanda, pero un anticiclón centrado na Costa Azul contiña o paso das frontes que se ían desprazar cara o norte, rozando apenas a costa, se acaso algunhas pingas contra o final da tarde.
Por iso Paco Souto saíra aos percebes, días revoltos hai moitos e hoxe máis diso non estaba previsto. Á mañá, porén, o vento seco gañou forza. A explicación científica era que lonxe, na Costa Azul, o centro do anticiclón esfarelaba e a baixa achegábase… máis do previsto. A mediodía o vento e as ondas batían nos cantís e farallóns da Costa da Morte… máis do previsto. A marea subía… antes do previsto.
Nestes momentos en Vigo o temporal xa remite, foi cousa de horas. Amainará o vento, abrirán os ceos, coma se nada. O día máis cruel”.