O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar no Parlamento de Galiza unha Proposición non de lei (PNL) para o seu debate en Pleno, co obxectivo de esixir á Xunta de Galiza a adopción de medidas inmediatas ante a grave situación de saturación estrutural que padece o Tribunal de Instancia de Carballo.
A iniciativa, impulsada polos deputados Óscar Insua Lema e Iago Tabarés Pérez-Piñeiro, alerta de que as tres prazas xudiciais da Sección Civil de instrución atópanse ao bordo do colapso. Segundo os datos oficiais do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) correspondentes ao primeiro trimestre de 2026, rexistráronse 1.051 novos asuntos, situando a cifra de expedientes sen resolver a 31 de marzo en 5.052, unha media de 1.684 por praza.
Carga crítica en violencia sobre a muller
Desde o BNG consideramos particularmente preocupante a carga de traballo en materia de violencia sobre a muller. Carballo sitúase actualmente entre os oito partidos xudiciais galegos con maior volume de asuntos nesta área, equiparándose a cidades como Lugo ou Pontevedra, e sendo superado unicamente polas sete grandes urbes do país.
Malia este escenario, a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta reduciu os medios persoais ao non prorrogar os reforzos de tramitación concedidos en 2022. Esta decisión, criticada tamén polas organizacións sindicais como a CIG-Xustiza, propiciou que o persoal cualifique a situación actual como “peor cá existente en 2007”, cando se inaugurou o terceiro xulgado.
Demandas concretas ao Goberno galego
O texto da PNL rexistrada insta á Xunta de Galiza, como titular das competencias de persoal e medios materiais da administración de xustiza, a actuar en tres frontes:
-
Ampliar a planta xudicial: Solicitar formalmente ao Ministerio de Xustiza e ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a creación de novas prazas de xuíces e maxistrados en Carballo para axustala á carga real de traballo.
-
Reforzo estrutural de persoal: Incrementar o cadro de persoal de xeito fixo nos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial, con especial atención á sección de violencia de xénero.
-
Plan de choque inmediato: Adoptar medidas de urxencia provisionais (persoal de reforzo e melloras tecnolóxicas) para frear a acumulación de asuntos e garantir o dereito da cidadanía a unha tutela xudicial efectiva sen dilacións.
“A situación de Carballo non é un caso illado, senón un síntoma máis do déficit estrutural que arrastra a xustiza en Galiza pola falta de planificación da Xunta”, sinalan os deputados, que urxen ao Executivo autonómico a asumir a súa responsabilidade para poñer fin a este “caos” organizativo.
