O BNG reuniu hoxe na sede de APEM ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, nun encontro que serviu para poñer en valor o impagable labor que desenvolven onde non chegan as Administracións e para pulsar as necesidades dun movemento asociativo que vai en aumento porque tamén se incrementan as necesidades sociais. Evencio Ferrero, que estivo acompañado por Maica Ures e Xosé Regueira, insistiu na necesidade de “marcar unha folla de ruta priorizada e estratéxica” para abordar as necesidades que sen dúbida se van presentar no medio e longo prazo. “Dentro da nosa estratexia Carballo 2030, que se enmarca nos obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas para o desenvolvemento sostible, para nós as persoas son a prioridade”, apuntou o candidato á Alcaldía.
Non todos os gobernos pensan igual. Xosé Regueira, que ademais de candidato e concelleiro de Promoción Económica tamén é deputado provincial, apuntou que a Deputación da Coruña “gasta máis en servizos sociais que en arranxar estradas”, precisamente porque as persoas son máis importantes. E tamén se pensa nas persoas á hora de establecer os criterios de reparto dos fondos provinciais, que en lugar de favorecer ás grandes cidades, como ocorría co goberno do PP, agora favorecen aos concellos pequeños, “cun reparto equitativo que beneficiou a todos os concellos, porque os gobernos temos que decidir en función das necesidades dos cidadáns, non das cores políticas. Por iso, mentres Feijoo promete circunvalacións onde goberne o PP, nós subimos o POS para beneficiar a todos os concellos, tamén aos do PP”.
As entidades destacaron e agradeceron o apoio que están a recibir tanto da Deputación da Coruña coma do Concello de Carballo, fronte á política de “investimento cero” que está a aplicar a Xunta de Galicia nos últimos anos, como a definiu algunha das entidades presentes.
Ao mesmo tempo, valoraron moi positivamente o encontro polo simple feito de poder xuntarse, e nese sentido sentáronse as bases de cara a un futuro traballo en rede. A creación dun consello social que defina as necesidade e estableza a folla de ruta para abordalas é unha das interesantes propostas que xurdiron da amena e participativa conversa. “O feito de contar con todas estas entidades é un orgullo de pobo”, apuntou outro dos asistentes.
“O que importa é acertar na liña estratéxica e que os recursos se optimicen”, sinalou Evencio Ferrero. “Hai quen di que temos Corazón de Pedra porque fai unha interpretación dos datos que nós non compartimos. Que Aspaber faga a limpeza viaria é política social? A Unidade de Condutas Adictivas é política social? Nós cremos que si, e, sen embargo, todo iso non computa. E aínda así, segundo os criterios do colexio profesional que outorga eses títulos, nestes momentos superamos os 90 euros de gasto social por habitante. Claro que é necesario seguir investindo. A xente non vén vivir a Carballo por un punto de luz ou unha pista, senón servizos que se prestan. E, nese sentido, que sexa verdade que o mellor está por vir”.