A mocidade bergantiñá demostrounos este domingo que as súas preocupacións non son diferentes das que poidan ter os seus pais. No interesante vermú-coloquio organizado por Galiza Nova na Praza do Concello de Carballo, mozos e mozas puxeron sobre a mesa a necesidade dun servizo de transporte que teña en conta as necesidades de traballadores/as e estudantes, dunha política de vivenda que lles permita facer fronte a un piso en alugueiro, dun goberno que apoie a industria para xerar emprego, que free o desmantelamento da sanidade e do ensino públicos e que aposte por uns servizos públicos de calidade, un goberno que ademais defenda a lingua e a cultura propias. E de todo elo puideron falar cos candidatos bergantiñáns do BNG para as eleccións do día 18, Carolina Castiñeiras, número 14, e Daniel Pérez, número 5 pola provincia.
“Os problemas son os mesmos que hai quince anos. Neste sentido, temos que poñerlle un suspenso ao goberno da Xunta, porque non se solucionaron, e o motivo é que o PP non ten ás persoas no centro das súas políticas”, dixo Daniel Pérez. Fronte á falta de solucións dos populares, a única alternativa é o BNG. “Este é un momento histórico, e estamos absolutamente preparados para gobernar este país. O cambio galego está aí, pero depende de todas e todos vós”, engadiu o candidato.
O responsable comarcal de Galiza Nova, Alberto Liñares, que exerceu como presentador e moderador do coloquio, apelou nese sentido á mobilización da mocidade. “Temos que implicarnos na política, porque moitas veces dicimos que nos dá igual quen estea gobernando, pero non é igual, porque o noso día a día pode ser moi diferente segundo as políticas que faga quen goberna”, manifestou. “Por iso, non esquezades que o día 18 temos unha oportunidade histórica, e que é importantísimo que todo o mundo vaia votar, así que, se ese día non podedes, lembrade que ata o 8 pódese pedir o voto por correo”, sinalou.
O bo tempo do domingo, cun sol máis propio do verán que do inverno; o ambiente que houbo durante a sesión vermú e o coloquio, a demostración de djmisa de que a música galega está ao máis alto nivel e a implicación da mocidade bergantiñá non poden ser máis có anuncio do cambio que se vai producir en Galiza a partir do día 18.